O Concello de Lalín solicita novas paradas de bus escolar

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLalín
A-
A+

O Concello de Lalín vén de solicitar dúas novas paradas de bus escolar na periferia do núcleo urbano do municipio. Unha delas estaría situada na rúa Corredoira, á altura do número 59, e a outra na avenida de Cruces, no punto quilométrico 0+250 da estrada que vai de Lalín a Vila de Cruces.

En ambos casos, as paradas poderían facerse nos dous lados da rúa -un en cada sentido- e, dado que se trata dunha soa parada ao día e de moi curta duración, proponse a posibilidade de compatibilizar o seu uso cunha zona de carga e descarga para darlle o máximo rendemento ao servizo.

As peticións foron cursadas hoxe á Demarcación de Carreteras de Galicia, dependente do Ministerio de Fomento, e á Axencia Galega de Infraestruturas, dependente da Xunta de Galicia, e que son respectivamente as administracións titulares das vías nas que se queren implantar estas paradas. As solicitudes fanse despois de que o Concello recibise a petición correspondente por parte de diferentes veciños.

Canto as características técnicas, en ámbolos dous casos, as paradas terían uns 15 metros de longo e implantaríanse no carril de aparcamento xa existente, sen que fose necesario, polo tanto, realizar obras para ensanchar a calzada nin a beirarrúa.

9 de novembro de 2015 | 18:48 • Sen comentarios

Comentarios pechados.