O Concello de Lalín renova o convenio con Aspadeza para reforzar a integración e a atención ás persoas con discapacidade psíquica

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLalín
A-
A+
Sinatura do convenio

Sinatura do convenio

O Concello de Lalín vén de renovar o convenio de colaboración con Aspadeza, polo que se establece unha achega de 7.000 euros para o desenvolvemento de diferentes actividades que fomenten a integración. Na rúbrica do convenio participaron o alcalde, Rafael Cuíña, o concelleiro de Benestar Social, Nicolás González Casares e a presidenta da entidade, María Taboada, que acudiu acompañade de varios directivos da entidade.

O acordo ten como obxecto principal o desenvolvemento no Concello de Lalín dun programa integral de atención as  persoas con discapacidade, coa finalidade de facilitar a integración social deste colectivo. No seu contido estipúlanse diferentes actuacións a desenvolver por Aspadeza en colaboración co Concello, tales como encargarse  do mantemento das instalacións do propio centro, ou realizar tarefas de limpeza de xardineiras municipais instaladas nas rúas Ponte, Principal, Xoaquín Loriga, Colón, Praza da Igrexa, Praza do Concello, Praza Calvo Sotelo, Avda. Luis González Taboada, Avda. Xosé Cuíña e rúa Ramón Aller.

Todas estas actuacións teñen como meta promover a integración das persoas pertencentes á organización, combinando, por unha banda, traballos internos nas propias instalacións do centro -ubicado en Mouriscade- e por outra, actividades que buscan a súa integración social en ámbitos externos ao centro formativo, sempre contando coa supervisión directa dun monitor ou monitora e o apoio duna empregado ou empregada social.

Segundo os últimos datos da Concellería de Benestar Social, cotexados pola Xunta de Galicia, en Lalín hai 1.180 persoas con diversidade funcional, das que 612 son mulleres e 568 homes. Todas elas precisan de atención específica de apoio para a súa integración. Así mesmo, Aspadeza conta actualmente con 50 persoas con discapacidade asociadas, das que diariamente atende a unhas 29. 

Rafael Cuíña e González Casares quixeron destacar “a inmensa labor social que leva a cabo Aspadeza, sendo un referente na atención e na loita en favor da integración das persoas con discapacidade psíquica”. Ao mesmo tempo, remarcaron que as políticas sociais son “a prioridade do actual Goberno”, feito polo que “se lle dará gran importancia á potenciación de liñas de cooperación coas distintas entidades que teñan como principal función o desenvolvemento de actividades e programas que fomenten a integración das persoas con discapacidade”. 

11 de novembro de 2015 | 17:32 • Sen comentarios

Comentarios pechados.