O Concello de Lalín corta a circulación no último treito da avenida dos Olmos por motivos de seguridade
O alcalde de Lalín, Rafael Cuíña e o concelleiro responsable de Rural, Miguel Medela, anunciaron hoxe o peche ao tráfico do derradeiro tramo da Avenida dos Olmos, na parroquia de Donramiro. Esta decisión tomouse tras ser proposta no encontro veciñal de onte polos propios veciños, que solicitaron a inhabilitación do treito alegando motivos de seguridade. A prohibición fíxose efectiva esta mesma mañá mediante a colocación dun valado provisional que impide o paso de coches e que será retirado cando se proceda á disposición dos sinais pertinentes. Aínda que ata o de agora a rúa era de sentido único, os cidadáns de Donramiro consideraban que esta restrición non era suficiente e solicitaron o peche total do viario. O angosto da estrada nese punto, a falta de iluminación e as habituais confusións de condutores que accedían no sentido contrario ao permitido, suscitaron esta reclamación que o Goberno respaldou ao considerala axeitada.
Por outra parte, os veciños e veciñas tamén se queixaron pola excesiva velocidade coa que circulan os vehículos ao seu paso pola Avenida de Ourense, na zona da Penela. A estrada, que pertence ao Ministerio de Fomento, soporta unha elevada afluencia de tráfico que compromete a seguridade dos viandantes que frecuentan esta zona, feito polo que concello solicitará que se aumente a vixilancia neste treito.
Así mesmo, pediráselle novamente aos gobernos central e autonómico que permitan a disposición de sendos pasos de peóns na Rúa de Donramiro e na Avenida de Madrid, neste caso á altura do acceso a Lalín pola Avenida de Estación. Trátase de dous puntos moi concorridos que soportan o fluxo constante de peóns e que despertan a preocupación da veciñanza ante a inexistencia de lugares fiables para atravesar. O Goberno local xa solicitou tempo atrás ante a Xunta e Fomento o permiso para instalar os pasos nestes lugares, recibindo, non obstante, unha resposta negativa. Por este motivo, insistirase na petición, entendendo o alcalde que, “é unha reclamación xusta que responde a criterios de seguridade viaria e que é imprescindible solucionar canto antes”.
No encontro veciñal ao que asistiron preto de 90 persoas, os asistentes tamén demandaron, entre outras cuestións, a colocación de novos puntos de iluminación e a revisión e reparación de beirarrúas. Estas deficiencias serán subsanadas coa maior prontitude.











