O Concello de Lalín comeza a acondicionar as casas dos mestres do Manuel Rivero

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLalín
A-
A+

O tenente de alcalde e concelleiro responsable de Urbanismo, Nicolás González Casares, visitou hoxe as antigas casas dos mestres do colexio Manuel Rivero para comprobar o seu estado e valorar posibles vías de actuación con vistas a que as vivendas, actualmente abandonadas, poidan ser reutilizadas no futuro.

González Casares asegurou despois da súa inspección, que a situación dos inmobles “é lamentable, mostrando un estado de abandono absoluto en moitas das estancias”, ao tempo que dixo “non chegar a entender como o anterior goberno se permitiu  deixar chegar o edificio a estes extremos de deixadez”. 

Destaca en especial o pésimo estado dos pisos superiores, nos que se foi acumulando unha enorme cantidade de suciedade formada na maior parte por excrementos de aves que entran constantemente polas roturas das fiestras. Así mesmo, ademais de desperfectos de diversa consideración no mobiliario, era rechamante a enorme cantidade de maleza que proliferaba nos patios traseiros e suscitaba malestar entre os veciños. Esta vexetación foi eliminada durante esta mesma mañá por parte dos operarios da Brigada municipal de obras. 

O servizo tamén executará nos próximos días tarefas de limpeza nas zonas do edificio en peor estado e irá realizando progresivamente traballos de adecentamento co obxectivo de que no futuro, de ser posible, se poida proceder á rehabilitación completa do bloque. Segundo indicou o tenente de alcalde, a proposta do Concello é que a longo prazo as vivendas sexan reutilizadas con fins sociais. Non obstante, técnicos municipais realizarán nas próximas semanas un estudo máis en profundidade do estado estrutural dos inmobles para que unha vez analizado se poidan valorar novas medidas de actuación sobre os apartamentos.

6 de novembro de 2015 | 19:40 • Sen comentarios

Comentarios pechados.