O Concello de Bueu celebrará mañá o día grande de San Martiño
O Concello de Bueu xa dispón do cartel coas diversas actividades que van ter lugar nos Xardíns Urbano Lugrís con motivo da celebración das festas patronais de San Martiño de Bueu, festivo local. Mañá mércores será o día grande coa celebración do San Martiño, comezando a xornada co pasarrúas ás 10 horas a cargo Banda de Música Artística de Bueu, dando paso ás 12.30 á misa solemne na honra de San Martiño cantada pola Coral Marusía de Bueu e posterior procesión. Ás 11 horas dará comezo o I Maratón Fotográfico San Martiño de Bueu destinado a que os participantes fotografen costumes e actividades desta festa durante todo o día de mañá. Os premios inclúen de diñeiro, impresión e emarcado de fotos e lotes de libros na categoría adulta, e lotes de libros e lotes de material escolar na categoría xuvenil. As bases poden consultarse na páxina web do Concello de Bueu.
Mañá e o xoves a Asociación Santos Reis organiza, coma todos os anos por San Martiño, a XVI Mostra de Fotos Antigas no atrio da igrexa buenense que se poderá visitar durante a mañá.
Pola noite as orquestras Gran Parada e Esencia poñerán a música de baile para pechar este gran día, aínda que a festa continua nos vindeiros días. O xoves volverá haber pasarrúas da man dos grupos A Cabeza non Para e Amigos e Colores, e logo a celebración da misa na honra de San Roque será ás 12.30, e ás 22 horas actuarán as orquestras Pontevedra e Palladium.
O programa culminará con dúas xornadas de teatro, que se desenvolverán o venres 13 e o sábado 14, tamén nos Xardíns Urbano Lugrís a partir das 17 horas. O venres, os nenos e nenas de entre 6 e 12 anos poderán gozar da representación de A historia de Brancaflor, a cargo da compañía Os sete magníficos máis un. E o sábado 14, Dani García daralle unha volta á maxia co espectáculo Volta á maxia de Dani García.











