O Concello de Ames participa na Mesa sectorial de Turismo da Deputación da Coruña

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaAmes
A-
A+

A concelleira de Promoción Económica, Isabel González, e a técnica municipal de Turismo participaron esta semana na primeira Mesa sectorial de Turismo que convocou a Deputación da Coruña co obxectivo de presentar as principais liñas de actuación que vai a poñer en marcha o ente provincial en 2016. Ademais, nesta xuntanza tamén participaron o presidente da Asociación Neria, Javier González, e os/as técnicos/as de Corcubión, Dumbría, Fisterra e Mazaricos, todos eles concellos polos que transcorre o Camiño de Fisterra-Muxía e que están traballando en conxunto na promoción e dinamización do mesmo.

O Concello de Ames participou esta semana na primeira reunión da Mesa sectorial de Turismo da Deputación da Coruña, que se celebrou no Pazo de Mariñán (Bergondo). O motivo da mesma foi levar a cabo un primeiro contacto entre o novo deputado de Cultura, Turismo e Patrimonio Histórico-Artístico, Xosé Regueira Varela, máis a sección de turismo da Deputación da Coruña cos/as técnicos/as e concelleiros/as de Turismo de cada un dos concellos da provincia.

A concelleira de Promoción Económica, Isabel González, explica que “nesta xuntanza presentáronse as liñas de actuación que o ente provincial está a deseñar para o 2016 e escoitáronse as necesidades e demandas que os concellos temos no ámbito do turismo. Do mesmo xeito sentáronse as bases para a creación destas reunións, que se van denominar mesas sectoriais de turismo, para poder realizar xuntanzas cada tres ou catro meses e estar en continuo contacto”.

As liñas de actuación sobre as que se vai traballar no ano 2016, e presentadas na xuntanza, son a mellora da información e atención aos visitantes; revitalizar os centros de interpretación existentes; mellorar a calidade nos servizos e empresas turísticas; potenciar o coñecemento e colaborar na difusión dos xeodestinos da provincia; promocionar e dinamizar os Camiños de Santiago que transcorren polo territorio provincial; e elaborar un plan para a protección, conservación e rehabilitación do patrimonio histórico-artístico.

A esta xuntanza acudiron a concelleira de Promoción Económica de Ames, Isabel González, o presidente da Asociación Neria, Javier González, e os/as técnicos/as de Corcubión, Dumbría, Fisterra e Mazaricos e Ames, todos eles concellos polos que transcorre o Camiño de Fisterra-Muxía e que están traballando en conxunto na promoción e dinamización do mesmo.

19 de novembro de 2015 | 18:49 • Sen comentarios

Comentarios pechados.