O Concello da Laracha iniciará o programa en torno ao 25 de novembro
En conmemoración do Día Internacional para a eliminación da violencia contra as mulleres que se celebra o 25 de novembro, o Concello da Laracha comezará mañá venres a desenvolver un amplo programa de eventos, obradoiros e actividades relacionado con esta temática coa finalidade de mostrar a súa sensibilización con esta lacra social e concienciar a toda a poboación, especialmente aos estudantes, para evitar que poidan xurdir este tipo de condutas e que, no caso que se detecten, sexan denunciadas de xeito inmediato.
Co propósito de chegar a todos os sectores sociais e grupos de idade, empregaranse diversas metodoloxías nas accións programadas. Ademais de obradoiros de prevención da violencia nos centros educativos, escenificarase unha obra teatral que xirará en torno ás mulleres, haberá programación específica na aula lúdica e o Centro de Información ás Mulleres (CIM) desenvolverá unha campaña informativa e organizará unha excursión para mulleres e os seus fillos.
Obradoiro no IES Agra de Leborís
Os alumnos de 1º e 2º de ESO do IES Agra de Leborís participarán mañá venres nun obradoiro cuxo contido xirará en torno ao coñecemento e prevención das novas formas de violencia que xurdiron a través da Internet e do uso das redes sociais, tales como a ciberviolencia, grooming ou sextorsión, entre outras. A finalidade esencial é que os rapaces poidan coñecer esa realidade social e ofrecerlles os mecanismos necesarios para que estean alerta no caso de que se lles presenten situacións desas características.
As sesións serán impartidas e financiadas pola Secretaría Xeral de Igualdade da Xunta de Galicia e realizaranse como unha das actividades que se ofrecen a través da Rede de Entidades Locais en Contra da Violencia de Xénero, da que forma parte o Concello da Laracha.
Festa da Igualdade o 25 de novembro
O propio Día Internacional para a eliminación da violencia contra as mulleres (o mércores da próxima semana) o Concello da Laracha organizará e desenvolverá por primeira vez a Festa da Igualdade, que se vai realizar no pavillón do CEIP Alfredo Brañas e na que participarán 172 alumnos de 4º, 5º e 6º de primaria dese colexio de Paiosaco, do Otero Pedrayo da Laracha (neste caso, so os de 5º e 6º) e do CEIP de Caión.
O evento prolongarase durante toda a mañá e entre as diversas probas e actividades a realizar nesta xornada lúdica de convivencia haberá xogos cooperativos centrados na prevención da violencia, a xestión das emocións, os bos tratos, a igualdade de oportunidades e a educación en corresponsabilidade.
Obra de teatro
O espectáculo que pechará a semana que vén o ciclo Venres Teatrais será Manar, función que presenta a historia dunha muller árabe, vítima dunha guerra, que sobrevive nun campo de refuxiados.
A obra, escrita e dirixida por Lino Braxe, está protagonizada pola actriz Sabela Hermida.
Escenificarase na Casa da Cultura da Laracha o venres da próxima semana a partir das 21:00 horas, con entrada libre e gratuíta.
Contacontos na aula lúdica
Na aula lúdica municipal desenvólvense semanalmente sesións de contacontos sobre diversas temáticas, complementándose coa posta en marcha de actividades relacionadas co texto presentado.
Ao longo da próxima semana, do luns ao venres, haberá unha programación específica contra a violencia de xénero que incluirá visualización de curtametraxes e videoclips sobre esa temática, contacontos e obradoiros nos que se proporá, por exemplo, deseñar un símbolo para a campaña contra a violencia de xénero e elaborar marcapáxinas e pulseiras moradas.
Encontro co CIM de Arteixo
O día 12 de decembro os Centros de Información ás Mulleres (CIM) da Laracha e de Arteixo organizarán conxuntamente unha excursión ao Museo do Xoguete (Melga) de Ponteceso á que se convida a participar a mulleres e aos seus fillos.
O prazo de inscrición xa está aberto e as interesadas deben anotarse poñéndose en contacto con CIM da Laracha.
Mesa informativa no novo edificio administrativo
O CIM da Laracha tamén instalará do luns ao venres da próxima semana unha mesa e un panel informativos sobre a prevención da violencia de xénero no novo edificio administrativo.