O Concello da Coruña proxecta mellorar o acceso á futura estación Intermodal cunha nova vía entre a avenida de Arteixo e a da Sardiñeira

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA Coruña
A-
A+

O Concello abrirá, dentro de Plan de Accesos da estación Intermodal, un novo vial entre a avenida de Arteixo e a da Sardiñeira, así como dúas rotondas nos extremos, unha obra que servirá para facilitar a entrada dos buses urbanos, interurbanos e de longo percorrido á futura infraestrutura. É un dos asuntos que se abordaron na mañá deste martes durante a xuntanza de traballo que mantiveron en Santiago os concelleiros de Mobilidade Sostible, Daniel Díaz Grandío, e Rexeneración Urbana, Xiao Varela, coa directora xeral de Mobilidade da Xunta, Helena de Lucas, para abordar o proxecto da nova estación de buses, que conforma, xunto coa de ferrocarril, a futura Intermodal. Tal e como destacou ao remate da reunión o responsable municipal de Mobilidade Sostible, o novo viario que se executará supón unha modificación significativa no acceso á Intermodal, que pasará a facerse a través da rotonda de Eduardo Díz e a avenida de Arteixo, e non por Salgado Torres, como se contemplaba nun inicio, ao ser este “o mellor itinerario”.

O Concello farase cargo, dentro do proxecto da Intermodal, da execución viaria e da adaptación do PXOM a construción da nova estación de buses a través de Plan Especial da Intermodal. Pola súa banda, a Xunta comprometeuse hoxe a licitar “a curto prazo” a redacción do proxecto da nova terminal de buses, para que este poida poñerse en marcha no 2017. “Coa Intermodal ábrese unha vía fundamental no cambio de modelo de mobilidade da cidade”, subliñou Daniel Díaz Grandío, quen destacou tamén o “bo ambiente de traballo” da xuntanza.

Esta serviu tamén para abordar outras cuestións, como o avance nun convenio a tres bandas entre o Concello, a Xunta e ADIF (que se encargará da execución da parte ferroviaria da infraestrutura) para fixar as responsabilidades de cada administración no proxecto da Intermodal, así como os prazos e os investimentos. Igualmente, no encontro abríronse canles de diálogo entre os técnicos municipais que traballan no deseño urbanístico, para facilitar o contacto coa Administración autonómica.

“O Concello ten unha aposta decidida pola Intermodal, e a Xunta a secunda”, valorou hoxe o concelleiro de Rexeneración Urbana e Dereito á Vivenda, Xiao Varela, quen vincula o proxecto da nova estación ao modelo de mobilidade do equipo de Goberno coruñés, que fomenta o transporte público por diante do privado e aposta pola conexión coa comarca e polos modos alternativos da mobilidade. Neste sentido, Varela salienta tamén que a posta en funcionamento da futura Intermodal afianza o modelo do Goberno local para a remodelación da Vedra e a súa humanización.

10 de novembro de 2015 | 18:51 • Sen comentarios

Comentarios pechados.