O Concello da Coruña e Fomento formarán un equipo de traballo para definir a remodelación da Vedra

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA Coruña
A-
A+

O alcalde da Coruña, Xulio Ferreiro, acordou na mañá deste venres coa ministra de Fomento, Ana Pastor, a conformación dun equipo de traballo formado por técnicos de ambas administracións para definir o proxecto de remodelación da Vedra. Nunha conversa telefónica co rexedor, a ministra mostrouse “moi sensible” coas opinións do Goberno local e aceptou a proposta do equipo de Goberno da Coruña para traballar de forma conxunta desde a próxima semana para acadar unha solución consensuada para a avenida.

O acordo chega despois de que os técnicos municipais analizasen a documentación remitida desde Fomento en relación ao proxecto de Alfonso Molina, e advertisen dunha serie de disfuncións na proposta estatal, tal e como sinala o concelleiro de Rexeneración Urbana e Dereito a Vivenda, Xiao Varela. Deste xeito, e segundo indica o responsable municipal, a documentación de Fomento fai unha previsión “errónea” sobre a densidade de tráfico de Alfonso Molina, ao estimar que medrará neste ano e o seguinte. “Os datos da DGT confirman unha baixada do 10% da densidade diaria de vehículos nos últimos meses e avanzan que esa seguirá sendo a tendencia”, fai notar Varela, que relaciona esta disminución coa posta en servizo doutras vías, como a Terceira Ronda. “Segundo os datos oficiais, esta ten ao día unha intensidade media duns 20.000 vehículos e, pola súa capacidade, unha marxe importante para que isto aumente”, apunta.

O concelleiro de Rexeneración Urbana alude tamén ao feito de que o proxecto de Fomento coloca un “embudo” á altura de Ponte da Pedra, ao reducir nese punto os carrís de catro a tres. “Primeiro fas un efecto chamada cos catro carrís, consegues que haxa máis tráfico, para despois facelo confluír todo nun mesmo punto”, cuestiona. “Nós pensamos que hai que esponxar o tráfico desde antes: que os coches baixen a menos velocidade, que a convivencia de coche e peatón sexa máis amable”, propón. Tamén fai notar que as críticas sobre o ancho dos carrís da proposta municipal por parte dos técnicos estatais non están xustificadas, posto que tamén no seu proxecto hai carrís desa mesmas dimensións, 3,30 metros.

Fronte as críticas, o responsable municipal, arquitecto urbanista, defende a “viabilidade técnica” da proposta do Concello. “Técnicamente, a proposta do Concello pódese facer. Estamos dispostos a incluír melloras técnicas, porque a proposta que redactou o noso equipo hai que desenvolvela xa que non é un proxecto de execución; o Concello non quixo suplantar a función da administración á que lle compete facer o proxecto”, salienta Varela, quen saúda a formación do equipo de traballo conxunto e recoñece a “utilidade” dalgúns aspectos do plan do departamento estatal.

Sobre a proposta municipal, o responsbale municipal salienta que “está pensada con visión de futuro, a medio e longo prazo”, e vai na liña do que se está a facer en Europa e no Estado. “Os que queren unha grande infraestrutura teñen unha visión miope. Non repitamos o erro que se cometeu na Mariña”, destaca, para valorar tamén a “flexibilidade” da solución que propón o Goberno coruñés fronte á de Fomento, “moi difícil de desfacer”. Tamén, Varela defende que o proxecto do Concello “mira máis alá”, e ten en conta unha serie de parámetros, como pode ser a seguridade viaria ou a contención da contaminación acústica ou ambiental. “A seguridade é un dos problemas máis graves de Alfonso Molina, que é, hoxe, unha das vías más inseguras da cidade, con preto de dous accidentes con feridos ao mes ”, alerta, e lembra que nas beiras existen equipamentos escolares e deportivos, así como espazos comerciais, e que os barrios da contorna teñen alta densidade. “Hai que compatibilizar a mobilidade coa vida segura dos e das veciñas”, subliña. Nesa mesma liña, fai notar os problemas de contaminación ambiental e acústica da avenida. “Nos estudos previos ao PXOM hai unha serie de planos que din que a zona entre o nudo da AP9 ata Ponte da Pedra é a de maior contaminación acustica de toda a área metropolitana”, indica o edil, que defende un deseño “máis sensible” xa que, como recorda, “trátase dun espazo que está, cada vez máis, en plena cidade”.

6 de novembro de 2015 | 18:15 • Sen comentarios

Comentarios pechados.