O Concello da Coruña duplica os efectivos da Patrulla Verde para velar pola sustentabilidade no espazo público e a convivencia

Visita da concelleira á patrulla
A concelleira de Medio Ambiente, María García, presentou esta mañá no Parque de Bens a ampliación da unidade da Policía Local denominada Patrulla Verde, que “traballará polo respecto a contorna e a convivencia pacífica da cidadanía”. O servizo duplicará o número de efectivos, pasando de tres a seis persoas, “para velar polo ben común baixo criterios de sustentabilidade”, segundo salientou a edil. As súas competencias estarán relacionadas “coa limpeza e o control de residuos nas rúas, a contaminación acústica e coa adecuada convivencia entre animais e cidadanía”. A reorganización da Patrulla Verde, centrando o seu labor nestes cometidos, é unha “prioridade” para o departamento de García.
En base a política do Goberno local que prima a o traballo en rede, a ampliación da unidade da Patrulla Verde que comezou a desenvolver a súa actividade esta semanaxorde “da necesidade da estreita colaboración entre a concellería e unha área fundamental como é Seguridade Cidadá”, explicou García. O obxectivo é “traballar conxuntamente e de xeito coordinado, baixo criterios transversais de sustentabilidade” en asuntos considerados “estratéxicos para a cidade” pola responsable de Medio Ambiente.
Dentro dese traballo coordinado e transversal, a Concellería de Medio Ambiente encargarase de formar aos e ás integrantes da Patrulla Verde, xa que atenderán temas relacionados directamente coa súa área. “A formación vai ser continua, e a demanda do propio corpo de seguridade, que nola poderá solicitar en función das dúbidas que lles poidan xurdir no día a día”, comentou a edil. “Para este Goberno, e en concreto para a nosa concellería, é un paso fundamental, dentro das nosas liñas de traballo, poder estruturar unha mellor coordinación entre o departamento de Medio Ambiente e o de Seguridade Cidadá, algo que só redundará nunha mellora para a cidadanía”, resumiu María García.











