O Concello da Coruña demanda á Xunta que amplíe os horarios dos buses de Alvedro

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA Coruña
A-
A+

O concelleiro de Mobilidade Sostible, Daniel Díaz Grandío, reclamou hoxe á Xunta a adaptación dos horarios dos buses entre o aeroporto de Alvedro e a cidade á chegada e saída dos avións, durante a xuntanza do comité de rutas que tivo lugar na mañá deste mércores no aeroporto de Peinador, en Vigo, e na que o responsable municipal participou xunto con responsables de AENA, a Xunta e Fomento, xunto con representantes das cámaras de comercio da Coruña, Santiago e Vigo, cos directores das tres terminais galegas e con representantes municipais das outras dúas cidades. Na reunión, dirixida a analizar o transporte entre os aeroportos e as cidades, Díaz Grandío fixo especial mención á “falta de servizo” que, no caso de Alvedro, sofren as persoas que viaxan no último voo da noite.

Segundo destacou o concelleiro ao remate do encontro, a Xunta comprometeuse a estudar a ampliación de horarios que demanda o Goberno coruñés, que tamén solicita “a creación dunha liña de bus específica que conecte Alvedro co centro da cidade e salvagarde a actual conexión interurbana” xa que, como expón o edil de Mobilidade Sostible, a que existe na actualidade presta servizo simultáneo como bus ao aeroporto e como transporte metropolitano.

18 de novembro de 2015 | 19:53 • Sen comentarios

Comentarios pechados.