O Concello da Coruña abre o prazo de solicitude para os cursos de formación para o emprego
A Concellería de Emprego e Economía Social abre desde hoxe e até o día 14 o prazo de presentación de solicitudes para participar nos cursos de formación para o emprego correspondentes á programación 3/2015, aos que poden optar todas as persoas en situación de desemprego, ou que optan a mellora de emprego, que residan no municipio coruñés.
Os cursos, con duracións que van desde as 30 ata as 580 horas, abranguen disciplinas como a programación de máquinas de control numérico, o desenvolvemento de APPS de sistema operativo iOS, montaxe de redes locais de datos con fibra óptica, manexo de carretilla elevadora de carga ou a homologación de soldadura en posición 2F a 4F e en posición 3G a 6G . A oferta inclúe tamén un curso de montaxe e mantemento de instalacións solares térmicas e outro curso de eficiencia enerxética de edificios.
Cada solicitante poderá presentarse a un máximo de dous cursos, de xeito que as solicitudes posteriores dunha mesma persoa quedarán excluídas. As persoas interesadas poden obter máis información no Centro Municipal de Emprego de Os Rosales (981 184 399) e no teléfono de información municipal 010.











