O Colexio de Psicoloxía de Galicia reclama a abordaxe integral no Parlamento Europeo da violencia machista

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaSantiago de Compostela
A-
A+

A decana do Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia, María Rosa Álvarez Prada, reclamou no Parlamento Europeo un cambio nas políticas públicas para realizar unha abordaxe integral do problema da violencia de xénero. Así o manifestou onte na xornada “O sesgo machista na aplicación das políticas: o caso da xustiza”, na que participou como relatora nunha xornada en Bruxelas xunto con outras cinco especialistas galegas que contribuíron coas claves para detectar e afrontar a violencia machista que está asentada de forma estrutural na nosa sociedade.

Na súa intervención, asegurou que desde as Administracións se pon a énfase no plano xudicial, animando as mulleres a denunciar, e esquecendo o traballo da prevención, co que é imposible atallar esta lacra. A intervención penal “non lle corresponde ese carácter preventivo, senón que actúa sobre os feitos consumados”, reflexionou. Criticou así mesmo a falta de coordinación entre as diferentes estancias e administracións implicadas, debido á falta dunha instancia coordinadora que permita que “en todo momento, a muller saiba os pasos a seguir e se sinta acompañada e protexida polo sistema de xeito eficaz”, e así evitar unha vitimización secundaria.

A esta xornada acudiron máis dunha trintena de galegas pertencentes a varios colectivos de mulleres e menores que traballan día a día para acabar coa violencia machista, entre eles o Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia. O encontro no Parlamento Europeo estaba organizado polo Grupo da Esquerda Verde Nórdica-Esquerda Unitaria Europea e foi coordinado pola eurodeputada Lidia Senra, e nel interviñeron a psicóloga Sonia Váccaro; a profesora Lorena Garrido Jiménez; a coordinadora da Rede de Mulleres contra os malos tratos de Vigo; Rosa Fontaíña, a coordinadora da área de Mulleres do Sindicato Labrego Galego, Ana Eiras; e a coordinadora da Asociación Galega contra o Maltrato a Menores (AGAMME), Estrela Gómez Viñas.

A prevención primaria, desde as idades máis temperás, é a aposta que Mª Rosa Álvarez considerou máis importante para pór fin de xeito definitivo á violencia machista. “Vemos como os padróns de comportamento, as actitudes, se repiten nas xeracións máis novas. Non rompemos co círculo do patriarcado”, sinalou. “Cómpre mellorar en cantidade e en calidade os recursos preventivos e de sensibilización en materia de violencia de xénero, nos instrumentos de educación e socialización co fin de eliminar os comportamentos e as actitudes sexistas que continúan dominando as relacións entre homes e mulleres”, e avogou por introducilo na formación dos nenos e nenas de xeito obrigatorio, o que permitiría traballar valores como a igualdade, a educación afectivo-sexual, a xustiza ou a violencia co 100% da poboación nada no Estado. “Só educando en igualdade desde a nenez conseguiremos superar o machismo na sociedade”, expresou a decana das psicólogas e psicólogos galegos na súa intervención en Bruxelas.

“A violencia de xénero é froito dunha desigualdade, dunha discriminación, e acada visibilidade cando hai un asasinato”, ao que engadiu a psicóloga: “tras cada morte escóndese un inmenso bloque de xeo invisible, unha vida de humillación, de dominación, de manipulación e de agresións psicolóxicas e físicas”, ademais de lembrar as miles de mulleres que conviven coa violencia machista sen que saia a luz, ou sen mesmo seren conscientes da súa situación. Quixo así mesmo poñer o foco en que todos os casos de violencia comezan a través do maltrato psicolóxico, con actitudes de control, ameazantes, esixencia de obediencia, illamento, desvalorización ou coerción, entre outras.

“Os Estados teñen que ofrecer unha cobertura, un acompañamento e unha protección apropiadas para a vítima, tamén desde o aspecto psicolóxico; pero ademais tamén teñen que poñer os mecanismos precisos para evitar que suceda”, asegurou a decana do COPG, en alusión a esa importancia dunha abordaxe integral. Tamén incidiu no gran desequilibrio de recursos que hai entre os diferentes territorios do conxunto do Estado español, o que cualificou como unha “inxustiza social”.  

19 de novembro de 2015 | 17:40 • Sen comentarios

Comentarios pechados.