O CGAI dedícalles cadansúa retrospectiva a Peter Tscherkassky e a Paul Vecchiali

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA Coruña
A-
A+

O Centro Galego de Artes da Imaxe (CGAI-Filmoteca de Galicia) colabora co Festival de Cine Europeo de Sevilla (SEFF) para ofrecerlle ao público galego cadansúa retrospectiva dedicada ao cineasta austríaco Peter Tscherkassky e ao francés Paul Vecchiali. As súas obras, escasamente difundidas no circuíto español, proxectaranse a partir de hoxe na sede do CGAI na Coruña, onde se presentan tras protagonizar dous dos ciclos especiais da recente duodécima edición do SEFF.

Con traxectorias e estilos moi diferentes, porén ambos os directores comparten o recoñecemento nos círculos alternativos pola súa liberdade creativa e a súa persoal concepción do cinema. Os programas que lles tributa o CGAI arrancan esta mesma tarde coa primeira das dúas sesións sobre Peter Tscherkassky, a quen a filmoteca galega vén programando con regularidade desde hai vinte anos e que agora é obxecto desta antoloxía seleccionada polo propio autor.

Experiencia sensorial

O cineasta vienés está considerado como unha das voces máis consolidadas do panorama experimental internacional e, en particular, de Austria, un dos países europeos cunha maior tradición neste terreo. O visionado das pezas de Tscherkassky, quen traballa sempre con 35 mm empregando en ocasións un espectacular Cinemascope, supón toda unha experiencia sensorial para o espectador debido á manipulación analóxica tanto da imaxe (crebaduras e superposicións nos fotogramas) como do son (ruídos, zunidos e silencios na pista de audio).

A filmoteca galega proxectará hoxe, a partir das 20.30 horas, as súas pezas ‘Manufraktur’, ‘Parallel Space: Inter-View’, ‘Outer Space’, ‘Dream Work’ e ‘Instructions for a Light and Sound Machine’. O programa de mañá dará comezo á mesma hora e inclúe ‘Happy-End’, ‘Nachtstück’, ‘Coming Attractions’ e ‘The Exquisite Corpus’, traballo este último estreado na Quincena dos Realizadores do Festival de Cannes.

Cineasta inclasificable

A partir da semana que vén será a quenda de Paul Vecchiali, con cinco títulos da súa extensa filmografía que serán exhibidos en sesión dobre (ás 18.00 e ás 20.30 horas) do 24 de outubro ao 1 de decembro. Segundo a crítica, o director francés é un cineasta inclasificable que tanto pode aliñarse con algúns dos realizadores franceses e alemáns dos setenta, como coas novas xeracións. De feito, na actualidade é recoñecido como unha das miradas máis particulares e prezadas do cinema do seu país.

O CGAI ofrecerá en versión orixinal subtitulada ao galego ‘Femmes femmes’ (martes 24), ‘Faux accords’ (mércores 25), ‘C’est l’amour’ (xoves 26) e ‘Nuits blanches sur la jetée’ (venres 27), mentres que ‘Victor Schoelcher, l’abolition’ será exhibida o martes 1 de decembro con subtítulos en castelán.

19 de novembro de 2015 | 12:49 • Sen comentarios

Comentarios pechados.