O BNG asegura que existe un pacto oculto entre o Partido Popular e Martínez na Deputación de Lugo e denuncia “transfuguismo”

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLugo
A-
A+
Europa Press

O voceiro do BNG na Deputación de Lugo, Xosé Ferreiro, asegurou este xoves que hai “un pacto oculto” entre o Partido Popular e o alcalde de Becerrea, Manuel Martínez, que se traduciu o mércores no pleno de organización no respaldo do socialista ás propostas populares para reducir asesores os nacionalistas.

Nunha comparecencia ante a prensa flanqueado polo vicepresidente, Antonio Veiga, o voceiro do BNG describiu o acontecido no pleno de onte como “un acto moi grave, un acto de transfuguismo político, sen lugar a dúbidas, á altura de Tamayo en Madrid ou Sabela Caldas en Sarria, ou o que pasou tamén en Boimorto”.

“É ese tipo de transfuguismo que o PP sempre utiliza cando non gaña as eleccións para intentar manterse ou conseguir o poder. Este é un caso máis e onte quedou perfectamente manifesto o pacto entre o PP e Martínez para facer o que fixeron, mesmo o previsto era que as emendas as presentase Martínez e as apoiase o PP pero ao final foi ao revés”, censurou.

Tras a conduta de Martínez, que anunciou que boicoteará as iniciativas do BNG, grupo que á súa vez o vetou para a xunta de goberno provincial, Ferreiro confía que o Partido Socialista “reaccione e actúe”. “Esperamos que algo faga e algo terá que dicir nos próximos días”, agrega.

“O PP TEN QUE EXPLICAR O PACTO OCULTO”

Na súa intervención o vicepresidente provincial, Antonio Veiga, requiriu a expresidenta da Deputación, a popular Elena Candia, e o PP, que “expliquen o pacto oculto que ten con Martínez”.

Segundo cre, esta situación vén a corroborar que no caso do BNG “nunca houbo pacto oculto” cando se retomaron as negociacións cos socialistas e Martínez para desaloxar do goberno a Elena Candia. Así mesmo, Veiga insiste en que é o Partido Popular o que “ten que explicar ese pacto oculto”.

Ante a rebaixa de asesores, os nacionalistas anticipan que isto non vai ser ningún inconveniente para seguir co seu traballo que realizarán “con funcionarios e persoal laboral” da Deputación.

Pola súa banda, Ferreiro anunciou que xa pediu a súa reincorporación ao instituto de Navia de Suarna onde dá clases de matemáticas, de forma que renuncia á media dedicación que se aprobou “por eses trece deputados do PP”, metendo no mesmo grupo xa a Manuel Martínez.

5 de novembro de 2015 | 16:23 • Sen comentarios

Comentarios pechados.