O Banco de Alimentos promove unha campaña para recoller 450 toneladas de produtos na Coruña

Presentación da campaña
O Banco de Alimentos Rías Altas levará a cabo a finais deste mes de novembro a campaña ‘A Gran Recollida’ para reunir 450 toneladas de alimentos e atender ás “persoas necesitadas en toda a provincia da Coruña”, segundo expuxeron os seus responsables na presentación desta iniciativa.
A campaña desenvolverase os días 27 e 28 de novembro. Para iso, os promotores esperan contar coa participación de entre 2.500 e 3.000 voluntarios e coa implicación de toda a cidadanía.
Así o explicaron representantes da entidade nun encontro cos medios na Fundación Barrié, no que tamén participou o adestrador do Real Club Deportivo da Coruña, Víctor Sánchez del Amo.
O presidente do Banco de Alimentos Rías Altas, Luis Camba, explicou que esta entidade colabora con 185 organizacións, entre as que distribúe diariamente entre sete e oito toneladas de produtos alimenticios. Con elas, segundo expuxo, cóbrense as necesidades básicas de máis de 28.000 persoas na provincia.
Pola súa banda, Víctor Sánchez del Amo fixo un chamamento aos afeccionados do Real Club Deportivo para que, coa súa participación na campaña, demostren que o mundo do deporte “sabe ser solidario”. Na anterior campaña, recolléronse 400 toneladas de alimentos.











