publicidade hoxe

O Ateneo Santa Cecilia de Marín comeza un ciclo de películas sobre educación nos ‘xoves de cine’

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaMarín
A-
A+

O Ateneo Santa Cecilia de Marín retoma esta semana os ‘Xoves de cine’ cun ciclo de películas de temática educativa: a primera proxección, ás 21:00 horas na Biblioteca Pública Municipal, será o documental “Camino a la escuela”, dirixido por Pascal Plisson, con guión do propio Plisson e Marie Claire Javoy. Narra a historia real de tres nenos e unha nena que teñen que enfrontarse a situacións de perigo, percorrer longas distancias e superar moitas adversidades para iren ao colexio.

Samuel na India, Carlitos en Arxentina, Jackson en Kenia e Zahira en Marrocos viven moi lonxe uns dos outros pero comparten o desexo de aprender e formarse para ter un futuro mellor. Este filme, realizado en colaboración coa ONG Axuda en Acción e co patrocinio da UNESCO, gañou en Francia o Premio Cesar 2014 ao mellor documental e tamén foi galardoado no Festival de Locarno, en Suiza. 

Pascal Plisson tense referido a este documental como “unha  viaxe espiritual e interior” para os catro protagonistas “que lles permite saír da etapa da infancia para converterse en adultos”. O director ten louvado destes rapaces -“os primeiros da súa familia en ir á escola”- polo “valor” e pola “fe” que teñen “no futuro e na súa sociedade”. 

PRÓXIMAS PELÍCULAS 

A seguinte proxección, o xoves 19, será a película francesa “La profesora de Historia”, con guión e dirección de Marie-Castille Mention-Schaar, que trata sobre un problemático grupo de alumnos e alumnas de instituto aos que lles cambia a vida grazas a un proxecto educativo no que se embarcan a instancias dunha profesora empeñada en motivalos. 

Este ciclo dedicado ao ensino rematará o 3 de decembro con “La clase”, dirixida por Laurent Cantet, que relata a historia dun profesor de lingua francesa nun instituto situado nun barrio marxinal. Conta cun destacado palmarés de premios e nominacións nos principais festivais cinematográficos.   

VENRES DO ATENEO 

Ademais, neste próximo ‘Venres do Ateneo’ o invitado será o poeta e artesán Luis Maquieira, que presentará os seus libros e recitará algunhas das súas composicións líricas. Con acuarelas e debuxos de Javier Lillo, “Versos de auga” é o seu último poemario, no que reúne unha escolma dos seus primeiros libros, “Hojas de sombra” e “Versos del viento y del río”.

A estas obras únese tamén o volume de relatos “Contos sen importancia”. O encontro con Luis Maquieira, oriundo da montaña lucense de O Incio e afincado actualmente en Pontevedra, será ás 20:30 horas no local do Ateneo Santa Cecilia. 

 

10 de novembro de 2015 | 19:44 • Sen comentarios

Comentarios pechados.