publicidade hoxe

O alumnado do CEIP Gándara-Sofán pasa unha divertida xornada no Concello coñecendo o funcionamento da administración local

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCarballo
A-
A+
Visita dos estudantes

Visita dos estudantes

A Casa do Concello leva un par de días invadida polos sons dos nenos e nenas de Primaria que ven como a administración local abre as súas portas para que coñezan de primeira man o seu funcionamento. Despois da visita o venres 6 de novembro dos cativos e cativas do CEIP Bergantiños, hoxe, luns 9, foi a quenda do alumnado de 3º, 4º e 5º de Primaria do CEIP Gándara-Sofán. Repartidos en dúas quendas, un total de 73 nenos e nenas puideron manter no salón de plenos un encontro co Alcalde, Evencio Ferrero, que respondeu as preguntas que se formularon coa axuda da 2ª Tenente de Alcalde e Concelleira de Planificación e Desenvolvemento Urbano, Milagros Lantes e do Concelleiro de Obras e Servizos, Luís Lamas.

A imaxinación do alumnado deixa sempre algunhas preguntas sorprendentes e moi atinadas. Entre outras cuestións, interesáronse por se o Alcalde volvería a facer política con outros partidos, se lle gusta ser Alcalde, se o Rei de España estivo en Carballo ou se xa de pequeno quería ser Alcalde. Ferrero explicou que nestes momentos a maioría absoluta fai que non sexa necesario formar goberno con outros grupos políticos; que todos os que se presentan á Alcaldía o fan de forma voluntaria; que o Rei non tivo a oportunidade de visitar Carballo; ou que máis ben foron unha serie de circunstancias da vida as que fixeron que chegase a ser o rexedor. Despois do encontro, o alumnado visitou a Oficina Técnica, Asuntos Económicos -onde a algún lle pareceron poucos 22 millóns de euros para gobernar Carballo- ou a Comisaría da Policía Local.

Coma sempre, a Comisaría é un dos lugares onde permanecen máis tempo, interesados e interesadas polas pistolas (“son de bolas ou botan balas?”), os calabozos ou o etilómetro para facer as probas de alcolemia; pero tamén polo número de vehículos cos que conta a Policía Local (cinco). Os axentes tamén aproveitaron para incidir nunha serie de normas básicas de seguridade viaria, como a mellor forma de circular en bicicleta (sempre con casco). Para rematar, os nenos e nenas, que estes días estiveron estudando nas aulas o funcionamento dos concellos e das administracións, presentaron no Rexistro de Entrada unha serie de propostas para mellorar Carballo en forma de instancia.

9 de novembro de 2015 | 19:22 • Sen comentarios

Comentarios pechados.