O alcalde de Vilagarcía obtén de Sol Vázquez o compromiso de que a praza terá a mesma financiación aínda que en anualidades distintas
A dirección xeral de Comercio da Xunta de Galicia mantén o seu compromiso de axudar á rehabilitación da praza de abastos, polo que se non se poden cumprir os prazos neste exercicio –a causa do informe negativo de Patrimonio-, se reaxustarían as anualidades. Así llo transmitiu hoxe a directora xeral de Comercio, Sol Vázquez, ao alcalde de Vilagarcía, Alberto Varela, quen valorou moi positivamente a actitudade daquela, xa que non só respondeu inmediatamente á solicitude de entrevista feita o xoves, senón que se amosou moi comprensiva coas dificultades de poder cumprir cos prazos unha vez que Patrimonio emitiu o seu ditame. Do mesmo xeito, tamén o alcalde comprendeu a negativa de Sol Vázquez a buscar unha mediación con Patrimonio posto que, sendo dous entes da mesma administración, os dous teñen obxectivos distintos: un, a defensa do patrimonio histórico e arquitectónico e a outra, buscar a maior funcionalidade das infraestructuras creadas para os mercados.
Precisamente esa dicotomía é o a que está detrás do actual conflito. Por unha banda, as obras que se desenvolveron na praza, e as que están pendentes, buscan adaptar un edificio da segunda década do século XX ás necesidades do século XXI, pero, pola outra, Patrimonio esixe que antes de realizar a segunda fase –obxecto da axuda da Xunta agora en perigo e para a quen non se pon ningún impedimento técnico- debe restituírse a escaleira que se derrubou na primeira fase, algo que é de moi difícil ou imposible cumprimento xa que implicaría eliminar a metade dos postos creados e elevar o solo algo máis de metro medio, e en todo caso o custe da operación sería moi superior ao que se pretende lograr para a segunda fase.
Tanto Alberto Varela coma Sol Vázquez quedaron en seguir en contacto para coñecer a evolución deste caso. A directora xeral de Comercio explicou que, chegado o momento, o Concello podería xustificar dentro deste ano a parte que corresponda ás obras executadas, de xeito que non teña que facelo polo total da subvención concedida para esta anualidade. Unha demostración máis, en opinión do alcalde, da boa actitude do directora xeral, “que entende –manifestou Alberto Varela- que o obxectivo principal é lograr unha praza coas mellores condiciones e si eso -polas actuais circunstancias- ten que facerse redistribuíndo as anualidades, así se fará”.
REUNIÓN COS PRACEIROS E OS PORTAVOCES
Paralelamente ás xestións diante da Xunta –Alberto Varela tamén pediu unha reunión coa directora xeral de Patrimonio e convidou aos membros da comisión territorial a que coñezan in situ a praza de abastos-, o alcalde manterá esta mesma tarde unha reunión coa asociación de praceiros e maña co denominado “grupo de traballo” de Urbanismo e Infraestruturas, do que forman parte todos os partidos, para explicarlles como se chegou a esta situación e cales son os pasos a seguir a partir de agora.











