O alcalde da Coruña anima aos e ás novas empresarias “a contribuír á creación dunha sociedade máis xusta” a través do seu traballo

Entrega de premios
O alcalde da Coruña, Xulio Ferreiro, participou esta tarde na cerimonia de entrega dos premios da Asociación de Jóvenes Empresarios (AJE), na súa XVI edición, que tivo lugar no Salón de Plenos do Pazo de María Pita. O rexedor fixo mención ao Pleno Infantil que tivo lugar esta mesma mañá no mesmo escenario e indicou aos e ás empresarias mozas presentes: “Posiblemente, moitos dos rapaces e rapazas que estiveron aquí estes xoves vaian seguir o voso camiño dentro duns anos. Posíblemente, decídanse a formar unha empresa, a innovar, a apostar polos seus propios proxectos. Seredes o espello no que se mirarán, polo que vosa tamén é a responsabilidade de, co voso traballo, contribuir a crear unha sociedade máis xusta”. “Como sempre acostumo a dicir nestes foros, non haberá verdadeira recuperación económica, nin poderemos vivir nunha sociedade digna mentres o modelo económico conduza á depredación, a codicia, e o diñeiro polo diñeiro”, engadiu.
“Pola mañá quedei tranquilo, xa que as palabras que me dedicaron os nenos e nenas do Pleno infantil fixéronme crer que hai canteira nesta cidade, que haberá quen lle dea corda no futuro. O acto desta tarde, deixame tamén aliviado, porque sei que, neste momento, na actualidade, xa temos quen engraxe a maquinaria do complicado reloxo que conforma unha sociedade, onde cada engranaxe é preciso para que as agullas se movan e as horas avancen. Ser emprendedor, apostar pola innovación… é a mellor mostra de que unha sociedade está viva”, indicou Ferreiro. O alcalde destacou tamén que “un dos desexos deste Goberno é que A Coruña se converta nunha cidade verdadeiramente sustentable, integradora, que participe dun modelo de economía social en beneficio da maioría da poboación e, en especial, dos sectores máis vulnerables. O voso traballo, o voso día a día é fundamental para conseguir esa meta”. Ademais do alcalde, ao acto tamén acudiu o conselleiro de Economía e Industria, Francisco Conde, o presidente da Confederación de Empresarios da Coruña, Antonio Fontenla, a presidenta de AJE Galicia, Carmen José López e Marcos Balboa, presidente de AJE A Coruña.











