O Airas Nunes comeza a súa aposta polo eido cultural con faladoiros, jazz e un obradoiro para público infantil
O Airas Nunes café, casa matriz da firma Freire Chico s.l. -propietaria das marcas Airas Cátering e Airas Eventos-situado na compostelá Rúa do Vilar, abre este xoves, 12 de novembro, un ciclo cultural que estará protagonizado por dous faladoiros, un concerto de jazz e un obradoiro de títeres. Este xoves, ás 20.30 horas é a quenda de As Tertulias do Airas, actividade que introduciránVíctor F. Freixanes, xornalista e editor, e María López Sández, escritora e tamén estudosa da literatura. Ambos xunto co recentemente galardoado escritor Manuel Portas, intercambiarán opinións cos asistentes sobre o libro galego no panorama cultural actual.
O obxectivo destes faladoiros é aproximar ao público asistente dunha maneira dinámica e mediante o intercambio de pareceres a cuestións como: o mundo da edición literaria e o panorama actual, literatura galega e a súa proxección internacional, o papel dos premios, o mundo do ensino: ¿lectores cautivos?, editar hoxe en día desde o prisma do escritor / do editor, novos soportes e novas canles de transmisión ou axudas públicas á edición ou consumo do produto literario.
Deste xeito o Airas programa un mes de novembro no que todos os xoves haberá unha cita coas distintas manifestacións culturais. Así, o vindeiro día 17 os distintos públicos, infantil e adulto, poderán asistir a un obradoiro de títeres, os afeccionados á música jazz terán o seu momento o día 20 co Rafa Fernández Trío e a quenda dos interesados no eido científico poderán asistir o día 27 ás charlas sobre ‘A Ciencia e os seus valores’,protagonizada por Juan Pérez Iglesias, profesor na Universidade Pública de Navarra.Todas as actividades están programadas para as 20.30 horas, agás o obradoiro de títeres, que comezará ás 18.00. horas.
Segundo Xavier Freire Chico, administrador de Freire Chico s.l., empresa á que pertence o Airas Nunes café, esta aposta polo eido cultural responde á “vontade da firma por ofrecer á sociedade compostelá e aos usuarios do Airas Nunes café, a posibilidade de dispor dun no espazo activo no que poder gozar do tempo de lecer adaptándose aos distintos gustos e franxas de idade, un punto de encontro entre cidadáns que é a vocación coa naceu e o sentido que encerra o título de café.”











