Novo triangular entre Celta, Deportivo e Porto na Madroa

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaDeportesVigo
A-
A+

A Madroa acolle este mércores un novo triangular no que participarán tres categorías das canteiras de Celta, Deportivo e Porto. Tras o satisfactorio resultado obtido nas anteriores experiencias, a última hai apenas un mes, os tres clubs continúan traballando para aumentar o nivel de competitividade dos seus xogadores organizando enfrontamentos directos entre as súas categorías inferiores.

Nesta ocasión enfrontaranse os equipos Sub-11 (Alevín B), Sub-12 (Alevín A) e Sub-14 (Infantil A), conformando un cadro no que será posible vivir o derbi galego por triplicado e de maneira simultánea, xa que as tres categorías teñen programado o seu particular duelo ás 19:30 horas.

Para o Celta e a súa Fundación esta é unha gran oportunidade para medir o nivel dos equipos da canteira. “É moi importante para nós atopar unha competición que nos faga esforzarnos e nos axude a crecer” afirma Carlos Hugo, director da canteira celeste. “Somos tres institucións similares en canto ao nivel de xogadores e hai moi boa predisposición para organizar este tipo de concentracións que sabemos que nos beneficia a todos”. Espérase que se celebren durante a tempada varios encontros deste tipo entre as diferentes categorías inferiores dos clubs. 

As boas relacións institucionais existentes entre os tres clubs favorecen a celebración deste tipo de eventos, que serven non só para a formación futbolística senón tamén para fomentar a deportividade entre xogadores e afeccionados.

17 de novembro de 2015 | 19:36 • Sen comentarios

Comentarios pechados.