“Neuro” pescuda no futuro a posible influencia dos avances tecnolóxicos na conciencia humana
Gonzalo Palmeiro presentou esta mañá “Neuro”, a súa terceira longametraxe, na que recurriu á ciencia ficción “pero sen grandes efectos especiais”, segundo recoñeceu o propio director. A súa idea –mesmo preocupación- é tratar de explorar e explicar “que pasa coa tecnoloxía e a súa interacción co cerebro”, posto que “todo avanza a unha velocidade enorme”. Palmeiro engadiu que as previsións da ciencia apuntan a que na década do 2030 pode haber “intelixencia emocional artificial con conciencia de si mesma”, cousa que desacouga o director vasco afincado en Ourense.
A película ten un protagonista, Oliver, marcado pola incomunicación co seu pai, que resultou gravemente afectado por un accidente de tráfico. Prométese a si mesmo que esa situación non lle ocorrerá a ninguén no futuro. “No fondo, trátase de saber que estamos dispostos a facer para non perder a persoa amada”.
Gonzalo Palmeiro confesou que sempre se sentiu “fascinado pola ciencia ficción”, así como pola neurociencia, aínda que “canto mais sei, menos me gusta o futuro, porque o ser humano perde privacidade e a xente estará controlada”. Neste senso apuntou que “a boa ciencia ficción é a que reflicte con fidelidade os problemas actuais”. Coa película tratou de darlle resposta a unha inquedanza persoal, pero unha vez acabada “quedei o mesmo de intranquilo”.











