publicidade hoxe

Nava Castro destaca que a calidade sitúa os destinos nunha posición de privilexio

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaSanxenxo
A-
A+
Presentación da campaña

Presentación da campaña

A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, participou esta mañá na presentación da campaña ‘Sanxenxo, un destino de altura’ que tivo lugar no Porto Deportivo Juan Carlos I.

Durante o acto, a directora de Turismo de Galicia explicou que na actualidade as múltiples posibilidades que ten o turista á hora de elixir un destino fan que o sector turístico actual sexa moi competitivo e a calidade se converta xa nunha necesidade para permanecer neste complexo mercado.

Así, Nava Castro sinalou que apostar pola calidade implica diferenciación e valor engadido e sitúa ao destino que se identifica como tal nunha posición de maior privilexio. “A calidade e os selos que a identifican son elementos que contribúen á dinamización turística ao constituír un elemento determinante na toma de decisión para un importante e numeroso colectivo tanto de turistas nacionais coma internacionais”, afirmou.

Neste senso, a responsable de Turismo da Xunta destacou que dende o Goberno galego apostase por incrementar esa calidade nos produtos e servizos prestados para lograr a diferenciación do destino Galicia.

Segundo resaltou Nava Castro, así o reflicte o Plan Integral de Turismo de Galicia o cal integra diversas actuacións para potenciar a calidade nos diferentes segmentos do sector turístico entre os que se sitúa o turismo termal, o enogastronómico, o turismo náutico ou o turismo rural entre outros.

A directora de Turismo de Galicia destacou que este compromiso do goberno galego pola calidade é apoiado por destinos como as Rías Baixas. Neste senso, Nava Castro sinalou que as Rías Baixas converteuse nun dos grandes destinos de Calidade Turística de Galicia e un dos principais de España.

Un destino de calidade

Sanxenxo encóntrase á cabeza dos municipios galegos con máis Q de Calidade Turística e máis empresas certificadas en SICTED, o Sistema Integral de Calidade Turística Española en Destinos, e é o municipio español con máis Bandeiras Azuis de España desde hai máis dunha década.

Así mesmo, na actualidade, conta con preto dun centenar de empresas e servizos públicos distinguidos co Compromiso de Calidade Turística.

Datos históricos

Por outra parte, Nava Castro destacou que a Ría de Arousa, en xeral, e Sanxenxo, en particular, están a acadar uns datos históricos.

Nos primeiros oito meses deste ano 2015, os establecementos hoteleiros enclavados na Ría de Arousa rexistraron mais de 317 mil viaxeiros, o que supuxo un incremento do 10,8% en relación ao mesmo período do pasado ano.

Esta mellora tamén se produciu nas pernoitas que se situaron por riba das 946 mil, un 14,9% máis que as rexistradas nos primeiros oito meses do 2014.

Ademais, este aumento da demanda traduciuse nun incremento da ocupación de case 7 puntos porcentuais.

10 de novembro de 2015 | 18:11 • Sen comentarios

Comentarios pechados.