publicidade hoxe

Mos presenta un orzamento de máis de 9,5 millón de euros para 2016

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaMos
A-
A+

O Concello de Mos presenta un ano máis en tempo e forma, antes do inicio do novo exercicio económico, o seu orzamento anual; tal e como anunciaban esta mañá a alcaldesa mosense, Nidia Arévalo, e o concelleiro de Facenda, Contratación e Transparencia e tenente alcalde da administración local, Alberto Méndez. Este é o oitavo presuposto que elabora un goberno local encabezado por Nidia Arévalo como alcaldesa e se repite, por oitava vez consecutiva, o feito de presentalo en tempo e forma antes do inicio do novo exercicio.

O orzamento para o ano que ven ascenderá a 9.524.885,26 euros. Trátase dun orzamento realista que conta co informe favorable de Intervención. Neste sentido a rexedora local informou de que o estado de ingresos de 2016 está totalmente axustado respecto dos ingresos de 2015.

Outro dos aspectos destacados por Arévalo é a reconducción económica das contas municipais, que “precisamente ten a súa clave en tantos anos consecutivos de orzamentos realistas e aprobados en tempo e forma”, declarou. Ademais a alcaldesa lembrou que “o de 2016 trátase do primeiro presuposto da actual lexislatura, en cuxa elaboración se tiveron moi en conta as pautas marcadas na folla de ruta do programa electoral, de xeito que as promesas electorais comecen a facerse xa realidade o vindeiro ano”, explicou Nidia Arévalo. Deste xeito as prioridades de gasto do Concello de Mos para o ano que ven son a inversión no benestar social dos e das mosenses e dimunuír a lista de desempregados para o que se incrementaron, entre outras, as partidas destinadas a dependencia, a emerxencia social, ó centro de maiores de Petelos xestionado por AFAGA (Asociación de Familiares de Enfermos de Alzheimer e outras Demencias de Galicia), e á Axencia de Colocación ; e incluíuse unha nova partida orzamentaria destinada á nova Escola Infantil da Veigadaña. O capítulo de gastos en fomento do emprego ascenderá en 2016 a máis de 210.000 euros. 

Estas prioridades están avaladas e quedan demostradas por unha cifra moi significativa: a suma das partidas de gastos en Educación, Benestar Social e Emprego representa case o 20% do total do orzamento para 2016. 

En xeral o orzamento de 2016 caracterízase polo aumento de todas as partidas, a continuidade da amortización da débeda e a contención do gasto. 

A elaboración do orzamento para o ano 2016 vínculase novamente á austeridade do gasto público de xeito que se eliminan os gastos innecesarios, sen que en ningún caso se vexa afectado o gasto social, que incluso se incrementa. O gasto en Protección e  Promoción Social no orzamento de 2016 reflicte o compromiso deste equipo de goberno municipal para facer realidade o apoio ás familias, xóvenes e maiores mediante políticas de benestar e igualdade así coma garantir os servizos sociais, consolidando os novos servizos e prestacións referentes á dependencia. O total da partida de Benestar Social ascende a 773.118,64 euros, 213.778,88 euros máis que a mesma partida do orzamento para 2015 (o que supón un incremento porcentual do 38,22%).

Destaca a inversión de preto de 600.000 euros na partida de Educación na que se inclúe o orzamento adicado á Escola Municipal de Música de Torroso que agora pasa a Conservatorio (que desenvolve un importantísimo labor tanto educativo, como formativo, cultural, artístico e social) e que se incrementa ata chegar ós 40.000 euros. Tamén se inclúen nesa contía total os comedores escolares, o campamento infantil estival Escolas de Verán, a continuidade do Programa de Actividades Educativas para os Centros Escolares en Horario Lectivo, a subvención para o Instituto de Ensinanza Secundaria e a subvención de actividades extraescolares. Por suposto nesta partida inclúese ademais o gasto en mantemento de tódolos centros educativos públicos existentes no Concello, necesario para preservar nas mellores condicións as instalacións nas que os cativos e mozos mosenses pasan tantas horas diarias.

Tamén se pretende continuar a fomentar a calidade de vida de cativos, adultos e maiores mediante o incentivo da práctica do deporte. Na partida de Deportes inclúense melloras no Campo de Fútbol das Baloutas e unha obra de mellora e adaptación na Piscina Municipal que conta con máis de 2.000 usuarios ó mes. 

Deste xeito, en materia de deportes, o Concello de Mos fai un novo esforzo por manter a liña de axudas consignadas así coma o fomento das Escolas Deportivas tanto de fútbol coma de patinaxe, xadrez, natación e baloncesto. Asígnanse subvencións ós deportistas, tanto en equipos como individuais; tal é o caso do Club Louro Tameiga, o Club Fútbol Alerta, a Unión Deportiva Mos, o Club de Xadrez Mos, o Club de Natación Mos, as Escolas de Patinaxe de Mos, o Club Patinaxe Rosaleira, o Club de Baloncesto Mos, a bailarina Patricia Martínez e a ciclista Susana Alonso Carballo. Todo isto, xunto co mantemento e mellora da Picina Municipal e dos pavillóns deportivos, suman unha inversión total en deportes para o vindeiro ano 2016 duns 427.000 euros. 

Continuando co capítulo de gastos do presuposto para 2016, o equipo de goberno mosense faise eco das demandas dos veciños e veciñas de Mos primando a prestación duns servizos de primeira no que respecta a limpeza viaria e conservación de estradas, alumeado público, mantemento de colexios e escolas infantís, pavillóns e Piscina Municipal, así como outras instacións deportivas, etc.

Dentro destes servizos públicos básicos destacan as invesións en mellora e conservación de infraestruturas de saneamento e abastecemento (preto de 230.000 euros) como complemento ó labor do Consorcio de Augas do Louro e para que os veciños e veciñas de Mos dispoñan do mellor servizo; na recollida de lixo (preto de 1.130.000 euros);  en alumeado (432.000 euros) e en conservación de parques e xardíns (50.000 euros).

Ademais, en mellora e conservación de estradas e infraestrururas viarias investiranse preto dun millón de euros.

Por outra banda increméntase en máis de 30.000 euros a partida adicada a Cultura e Participación Cidadá, que ascente a preto de 270.000 euros, para poder continuar a promover a actividade de asociacións culturais municipais, tan importantes para o enriquecemento da localidade; feito sobre o que a alcaldesa explica que “queremos fomentar deste xeito o asociacionismo e impulsar as nosas tradicións culturais”. 

Novidades 

As grandes novidades do orzamento mosense para 2016 son a adxudicación orzamentaria dunha partida para a futura Escola Infantil de Veigadaña, incluída no capítulo de gastos de Benestar Social, e a creación tamén doutras dúas novas partidas adicadas ó transporte, tanto metropolitano como municipal. A transporte adxudícase unha contía total, entre municipal e metropolitano, de 60.000 euros.

17 de novembro de 2015 | 20:35 • Sen comentarios

Comentarios pechados.