publicidade hoxe

Mos ofrece intermediación ás familias en risco de desafiuzamento

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaMos
A-
A+

O departamento municipal mosense de Política Social, que dirixe a edil Sara Cebreiro, ofrece información e intermediación ás familias de Mos que teñen dificultades para pagar a hipoteca co obxectivo de previr futuras situacións de desafiuzamento, axudándoas a tramitar a axuda autonómica do Programa Reconduce da Xunta de Galicia.

Para poder acceder a este programa, as familias interesadas en risco de desafiuzamento precisan un informe dos servizos sociais municipais. O Programa Reconduce constitúe un servizo de apoio ás persoas e familias en risco ou situación de desafiuzamento da vivenda habitual; ben para previlo ou ben para paliar os efectos deste. 

O que se pretende, segundo explicou a alcaldesa, Nidia Arévalo, “é axudar ás familias mosenses que, como consecuencia da crise económica, viron como algún ou todos os seus membros perderon o seu posto de traballo, véndose abocadas a non pagar a hipoteca da súa vivenda habitual pola falta de ingresos; e deste xeito poder contribuír dende o Concello a reducir as situacións de vulnerabilidade económica ou social que poden padecer ou chegar a padecer estas persoas, evitando o seu desafiuzamento ou reducindo os seus efectos se inevitablemente se acaba producindo”.

Como xa se dixo, este programa vai dirixido a dous grupos de intervención, un –o principal destinatario da iniciativa-  os veciños en risco de desafiuzamento da súa vivenda habitual, sen proceso xudicial aberto; e outro para os que xa teñen o proceso xudicial en curso. No primeiro caso contémplanse intervencións de carácter preventivo para evitar o desafiuzamento por execución hipotecaria da súa vivenda en propiedade e, no segundo, -como as posibilidades de chegar a un acordo extra procesal ou de mediación esgotáronse-, as accións teñen un carácter máis paliativo do tipo de atención psico-social, orientación laboral e busca de vivenda alternativa. 

De xeito prioritario, o programa facilitará ás personas e familias en risco, asesoramento xurídico e económico-financieiro dirixido a evitar a apertura dun proceso de execución hipotecaria da vivenda habitual. Dito asesoramento incluirá a realización de actuacións de mediación tendentes a acadar acordos de reestruturación da débeda coas entidades financieiras. 

Ademais, de modo complementario, facilitaráselles atención psico-social, orientación laboral e, cando reúnan os requisitos para acceder a estes, servizos de xustiza gratuítos e apoio na busca de vivenda alternativa. 

A oficina de asesoramento do Programa Reconduce está integrada por técnicos especializados en dereito e economía financieira, ademais dun traballador/a social e dun psicólogo/a. 

No caso de Mos xa se levan tramitado seis expedientes para o Programa Reconduce e actualmente están a traballar nun sétimo caso doutra familia mosense. 

Aluguer 

Por outra banda, a consellería de Infraestruturas e Vivenda da Xunta de Galicia puxo en marcha un bono de aluguer social destinado á prevención da exclusión social derivada das situacións de desafiuzamento por impago de rendas de vivendas alugadas. 

Estas subvencións están destinadas a atender con carácter urxente ás unidades de convivencia que precisen, por estar inmersas en situación de especial dificultade, dunha axuda para asumir o custo do arrendamento da súa vivenda.

As axudas consisten nun bono de 150 euros mensuais durante un período de ata 12 meses e unha axuda adicional de 450 euros para cubrir os gastos dun novo contrato de alugueiro ou, no caso de permanecer na mesma vivenda, para atender cantidades pendentes. 

De calquera de ambas axudas autonómicas, tanto da referente a desafiuzamentos por impago de aluguer como de hipoteca, as persoas interesadas poden informarse ó respecto dirixíndose ó departamento municipal de Política Social. 

19 de novembro de 2015 | 19:46 • Sen comentarios

Comentarios pechados.