publicidade hoxe

Mos finaliza a actualización da súa RPT

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaMos
A-
A+

A alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, mantivo hoxe a penúltima mesa de negociación do traballo de actualización da Relación de Postos de Traballo, RPT, na que se reuniu con representantes sindicais dos traballadores municipais, técnicos municipais e outros membros do equipo de goberno.

Na xuntanza desta mañá, celebrada no salón de sesións do Concello, houbo representación de todos os sindicatos: CIG, CC.OO. e CSIF que presentaron, segundo informou ó remate da mesma a rexedora local mosense, “unha predisposición moi positiva para dar por finalizado en breve o novo documento”, de xeito que o vindeiro luns, día 23 de novembro, celebrarase a última mesa de negociación que dará por finalizado o procedemento.

Coa Relación de Postos de Traballo actualizada, a alcaldesa cumpre a súa promesa de realizar unha reforma profunda na RPT, que era necesaria dado que a administración local mosense contaba actualmente cunha RPT que fora elaborada pola Universidade e que ten xa unha antigüidade de 10 anos, vida máxima deste tipo de documentos municipais. Por outra banda, o Convenio Colectivo do Persoal Laboral e o Acordo Regulador dos Funcionarios datan tamén de fai moitos anos e precisaban ser actualizados.

Ademais a tramitación meteórica da actualización deste documento, (que durou un ano escaso ó celebrarse a primeira mesa de negociación en xaneiro de 2015) permite que a nova RPT sexa incorporada ó orzamento do vindeiro exercicio 2016 e que poida ser aplicado ó longo de toda a actual lexislatura. 

Esta actualización da RPT supón, coas limitacións da normativa vixente, unha reorganización e axuste dun 80% dos postos do Concello co obxectivo de axustar a estructuración do persoal ós requerimentos da vida municipal mosense. Así o Concello de Mos ponse á vangarda dos municipios da Área Metropolitana en canto a orde e organización da RPT, sendo o único que logrou actualizar o documento e aprobar consensuadamente entre goberno, traballadores e sindicatos dita actualización. Neste sentido Arévalo valora moi positivamente que os propios representantes sindicais recoñezan a de Mos como localidade pioneira na actualización da súa RPT. 

O novo documento da RPT deseñouse para adaptar as normas actuais en materia de persoal municipal á lexislación aprobada máis recentemente, pero sobre todo para prestar un máis óptimo, mellor e máis eficiente servizo ó cidadán. As principais novidades incluídas son a reestructuración dos departamentos de Secretaría e Intervención e o reforzo da área de Intervención especialmente; así coma un notable reforzo (que supón prácticamente duplicar os seus recursos) nos departamentos de Educación, Participación Cidadá e Servizos Sociais.  Neste último departamento sensibilizándose coa realidade que lamentablemente aínda viven moitos veciños e veciñas do municipio por mor da crise económica e que precisa de que se multipliquen os esforzos realizados.

En conclusión, Nidia Arévalo declarou que “rematamos o ano 2015 cos prazos cumpridos respecto da actualización da RPT e orgullosos porque ningún outro Concello da Área logrou establecer esta orde e organización na súa Relación de Postos de Traballo”.

18 de novembro de 2015 | 20:38 • Sen comentarios

Comentarios pechados.