Medio Rural convocou aos veciños da parcelaria de Vilatuxe para informalos das obras que se van realizar nas súas propiedades

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLalín
A-
A+

A Consellería do Medio Rural convocou hoxe os veciños da parroquia de Vilatuxe, en Lalín, para informalos das obras que se van realizar nas súas propiedades. Neste caso, seguindo o procedemento establecido, convocouse a todos os interesados –e non unicamente aos seus representantes na Xunta Local– porque se trata de actuacións dentro das propiedades particulares. O obxectivo da xuntanza foi poñer aos veciños en contacto coa empresa encargada dos traballos, para unha mellor realización das actuacións previstas.

Por este motivo considerouse máis adecuado convocar a todos os veciños. Na concentración de Losón, a convocatoria fíxose a través da Xunta Local porque se trataba de intervencións en camiños públicos, non de actuacións sobre propiedades dos particulares, polo que non tiña sentido facer un chamamento a todos os propietarios de parcelas.

Este foi, pois, o motivo que propiciou –neste caso de Vilatuxe– a convocatoria de todos os veciños, sendo este un procedemento absolutamente normal, como ven de facerse hai poucas semanas, por exemplo, na parcelaria de Duxame-Insua-Portodemouros, no concello de Vila de Cruces.

A Consellería lamenta as confusións e malos entendidos xerados en relación con este proceso, e reitera que para desenvolver os procesos de concentración parcelaria fará as convocatorias que estime convenientes, sempre de acordo co procedemento establecido e con total respecto aos intereses dos propietarios e ao ben común.

9 de novembro de 2015 | 20:25 • Sen comentarios

Comentarios pechados.