Medio Ambiente fixa como obxectivos mellorar o desenvolvemento sostible dos espazos protexidos
A Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio está a traballar para lograr mellorar o desenvolvemento sostible e a xestión turística dos espazos protexidos, tendo en conta as necesidades da contorna, da poboación local, das empresas locais e dos visitantes.
Así o salientou hoxe a directora xeral de Conservación da Natureza, Ana María Díaz, durante a inauguración en Vilagarcía de Arousa das XIX Xornadas sobre municipios e parques nacionais organizadas pola Asociación de Municipios con territorio en Parques Nacionais (AMUPARNA).
Díaz López salientou que esta liña de traballo permitiu que o Parque Nacional Marítimo Terrestre das Illas Atlánticas teña obtido a Carta europea de turismo sostible. “Todas as administracións esforzámonos conxuntamente para lograr este recoñecemento, que nos compromete a quen o firmamos a levar á práctica unha estratexia local a favor do turismo sostible”, explicou a responsable autonómica.
Durante a súa intervención, a directora xeral puxo en valor o “papel proactivo” de AMUPARNA e valorou a utilidade de xornadas como esta, que permiten compartir as experiencias que se están a desenvolver nos parques nacionais de distintas comunidades autónomas.
As Illas Atlánticas, único parque nacional de Galicia, inclúen os arquipélagos de Cíes, Ons e Cortegada e supoñen unha superficie protexida de 8.840 hectáreas. Na súa área de influencia socioeconómica inclúense catro municipios: Vigo, Bueu, Vilagarcía de Arousa e Ribeira.











