publicidade hoxe

Medio Ambiente autoriza unha mellora da subestación eléctrica en zona de servidume de Dumbría

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaDumbría
A-
A+

A Secretaría Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo vén de autorizar unhas obras para mellorar a subestación eléctrica da Santa Uxía, na zona de servidume de tránsito e protección do dominio público marítimo–terrestre , no lugar do Ézaro, no Concello de Dumbría.

As obras que se pretenden supoñen unha mellora da instalación no seu conxunto, sen que se produza un aumento da superficie de ocupación coa redistribución solicitada das instalacións prexistentes nin aumento do seu volume, polo que non supoñen unha maior afección da zona de servidume de protección, tal e como se indica no informe favorable da Demarcación de Costas do Estado e do Concello de Dumbría.

Esta actuación, solicitada por Ferroatlántica, é necesaria para mellorar da produción e do transporte de enerxía eléctrica dende a estación existente. As obras consisten na construción dunha subestación de 220 KV situada no interior dunha nave industrial existente no mesmo recinto da subestación, formada por unha liña e un transformador. Ademais, instalarase un paso áereo-subterráneo dentro do recinto da subestación formado por dúas bases de formigón armado para o ancoraxe de dúas torres metálicas que soportan as liñas e aparellos de montaxe de 2,50 m de altura, e xa fóra da servidume de protección colocarase unha nova torre metálica como enlace da nova liña coas existentes, unhas aéreas e outras soterradas.

Para a instalación, será necesario realizar obras de demolición parcial dos cerramentos exteriores da actual nave industrial e a retirada do portal de acceso, así como a construción de muros de formigón armado, soleiras e piares.

Tal e como se recolle na resolución remitida, as obras realizaranse de acordo coas características especificadas na documentación achegada coa solicitude e sen prexuízo da obtención de calquera outra autorización que sexa necesaria de acordo coas lexislacións sectoriais vixentes, incluído o pronunciamento favorable da Dirección Xeral de Conservación da Natureza.

Durante a execución deberán adoptarse as medidas necesarias tanto para garantir a integridade do dominio público marítimo-terrestre e as súas zonas de servidume -con especial atención a evitar o vertido de materiais contaminantes co medio natural- como a seguridade das persoas e bens, balizando e sinalizando a zona de traballo e adoptando as medidas de seguridade e hixiene aplicables a este tipo de actuacións. O prazo para a finalización das citadas obras non poderá exceder de dous anos. Unha vez transcorrido o prazo quedará sen efecto esta autorización.

16 de novembro de 2015 | 19:27 • Sen comentarios

Comentarios pechados.