Martínez séntese enganado polo grupo socialista e atribúe a un pacto entre Vence e Besteiro a súa saída do goberno provincial
O alcalde de Becerreá, o socialista Manuel Martínez, asegurou sentirse “enganado” polo seu partido e atribuíu a un “pacto” entre os líderes de PSdeG e BNG, José Ramón Gómez Besteiro, e Xavier Vence, respectivamente, a súa saída do goberno provincial tras todo o acontecido dende o pasado 24 de xuño, xornada na que ao votarse a si mesmo no pleno de investidura aupó á presidencia á popular Elena Candia.
Nunha rolda de prensa ofrecida este venres, Martínez narrou como se sucederon os acontecementos dende ese día ata o momento no que subscribiu un documento, co consentimento dos outros dez deputados provinciais socialistas, no que se comprometían a incorporalo na xunta de goberno provincial para presentar unha moción de censura ao goberno popular, consumada o pasado 8 de outubro.
“Eu creo que isto nace dun pacto do señor Vence e José Ramón Gómez Besteiro”, explicou Martínez antes de denunciar que, neste acordo, tratan de que “unha terceira xeración”, como “dixo Besteiro nunha reunión en Santiago”, “tome ao asalto o Partido Socialista apartando a todos aqueles que mantemos certa postura de independencia”.
“E tratou de meter as bravas esa vía. Cárgase o secretario provincial, Santín; cargoumo eu, e o bloque cárgame a min”, apuntou.
Arroupado por uns vinte dos seus veciños de Becerrea, e do tenente de alcalde, Claudio Vázquez, que chegaron a interromper a rolda de prensa con aplausos, Martínez deixou claro que quen “pergeñó” esas “xogadas equivocouse”, en alusión a esa terceira vía que encarnaría o deputado do PSOE por Láncara Pablo Ribera.
NINGÚN APOIO AO BNG
Na súa intervención, o deputado provincial tamén aclarou que, nesta lexislatura, “non” apoiará “ningunha moción ou iniciativa do BNG”, agás “aquelas que sexan de interese xeral para a cidadanía”, nas que se absterá.
E é que Martínez acusou o BNG de “chantaxear” ao Partido Socialista co seu veto a que forme parte do goberno provincial. “Do Bloque non espero nada”, engadiu.
“Como lle dixen a Pilar Cancela -secretaria de Organización do PSdeG- nunha das reunións, isto empeza a non parecerse ao meu partido. Esta terceira xeración de socialistas que pensei que nos ían relevar e que ían levar o listón máis alto o están a deixar cada vez máis baixo”, sinalou en referencia á súa formación.
Con todo, recoñeceu que a situación lle “doe moito”. “Despois de catro meses estiven a sufrir unha cura de destintoxicación de partiditis, que tiña moita, porqué se hai unha camiseta suada polo PSOE nesta provincia, sen desprezar a ninguén, creo que é a de Manuel Martínez”, apuntou.
“NON” TEN PENSADO DEIXAR O PARTIDO
Na súa intervención, Martínez tamén se referiu a un documento que subscribiron os deputados provinciais do PSOE poucos días antes de presentar a moción, do que repartía copias, onde non consta ningún veto para que entre no goberno provincial, coa responsabilidade de Vías e Obras e Parque Móbil.
Lonxe diso, “na moción de censura, fiándome dos meus compañeiros de partido vexo que cando se decide o pleno de organización que tarda en facerse, o bloque seguía chantaxeando ao partido socialista porqué non só o chantaxeou comigo senón que as peticións que facía o BNG, segundo me dixo Pilar Cancela, pedían máis cousas”, sinalou para asegurar que, entre estas cousas, había cuestións relacionadas con alcaldías da provincia de Lugo e coa Fegamp.
FOTOS E CAFÉ
Na rolda de prensa, Manuel Martínez tamén se referiu ás fotos nas que aparece coa voceiro popular Elena Candia, unha delas realizada unha antes da moción de censura do 8 de outubro e, a outra, na véspera do pleno de organización nunha cafetaría da gasolineira do Corgo.
Ao respecto, deixou claro que non existe “ningún pacto oculto” e recoñeceu tamén que a propia Elena Candia lle asegurou que lle “ían enganar”. “Xogamos unha comida, se me enganaban pagaba eu, ou sexa ‘pardillo’ dobremente, e se non me enganaba pagaba ela. Parece que vou ter que pagar eu, co cal o día que se faga esa comida non terei inconveniente en avisarvos e en vez de sacar unhas fotos de mala calidade sacádelas de boa calidade”, ironizou.
Así mesmo, explicou que, no encontro, a expresidenta popular lle trasladou que “estaba preocupada pola situación da xente que colaborara con ela”. “Eu manifesteille que se se collera a todos os que colaboraran con Cacharro cando entramos na deputación en 2007 non tiña inconveniente en acoller en vías e obras se o obtiña, a aquelas persoas que estiveran con ela”, apuntou.
Xa na segunda cita que foi o tres de novembro, sinalou que lle comunicou a Elena Candia cual ía a ser a súa postura que, “era que todo aquilo que lle puidese beneficiar ao bloque eu non o ía apoiar”. “Se o bloque non quere nada de mi, eu non quero nada do bloque”, resolveu.
NON ESTÁ “SÓ”
No seu discurso, Manuel Martínez tamén aclarou que “non está só” no partido. Con todo, expresou o seu apoio ao secretario xeral, José Ramón Gómez Besteiro, para “ser presidente da Xunta”, malia unha imputación que pesa contra este polo Garañón e que Martínez considera que é unha acusación “política”.
Finalmente, deixou claro que el mesmo está disposto a cumprir “co código ético” do seu partido, polo cal, se se sinta no banco dos acusados pola imputación que arrastra da pasada lexislatura, deixará o PSOE.