Mar aposta por unha pesca responsable conxugando os intereses de todas as partes da actividade pesqueira

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaSantiago de Compostela
A-
A+
Xornada sobre "A gobernanza marítima europea". Foto: C. Paz

Xornada sobre “A gobernanza marítima europea”. Foto: C. Paz

“Para lograr unha pesca responsable é imprescindible conxugar os intereses de todas as partes implicadas nas actividades pesqueiras”. Así o destacou o director xeral de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica, Juan Maneiro, na inauguración das xornadas sobre “A gobernanza marítima europea. Retos formulados pola reforma da PCP”, celebrada esta mañá en Santiago.

O director xeral sinalou que a procura dunha pesca responsable e sustentable pasa pola corresponsabilidade na xestión que implica a participación activa das administracións, do sector, dos científicos e das organizacións ambientais, “remando todos na mesma dirección”, dixo, e sempre atendendo á dimensión social, económica e ambiental.

Maneiro eloxiou a celebración destas xornadas nas que se debaterán aspectos como a sustentabilidade dos mares, a protección dos ecosistemas mariños, a pesca responsable, a dimensión exterior da UE en materia pesqueira e o futuro do sector pesqueiro galego. Catro chaves, reiterou, nas que desde Galicia se fixo fincapé no transcurso das negociacións levadas a cabo entre os Estados Membro para a aprobación do documento final que rexerá os designios da pesca, do marisqueo e da acuicultura nos vindeiros 5 anos.

Juan Maneiro fixo un percorrido polas negociacións feitas diante da UE. Subliñou que, no tocante ao Rendemento Máximo Sostible, se logrou ampliar o límite ata o 2020 para determinadas especies. Por outra banda e no que ten que ver coa flexibilización dos descartes, conseguiuse introducir a súa minoración gradual e pesquería por pesquería.

No referente ao instrumento financeiro resultante da acción negociadora desenvolvida polo Reino de España, Maneiro reiterou que se logrou aumentar dun 44% a un 51% o peso de Galicia nos criterios de reparto do Fondo Europeo Marítimo e Pesqueiro (FEMP) no contexto español, o que suporá uns investimentos de arredor de 500 millóns de euros para a nosa comunidade no período 2014-2020. Neste sentido, explicou que deste fondo preto de 160 millóns irán destinados ao desenvolvemento da pesca sustentable, 130 millóns para o relanzamento da acuicultura, preto de 100 millóns para a transformación e comercialización e 60 millóns para a diversificación e complementación da economía marítimo-pesqueira.

5 de novembro de 2015 | 16:50 • Sen comentarios

Comentarios pechados.