Manuel Baltar evita pronunciarse sobre o seu caso na Cámara
O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar Blanco, evitou pronunciarse sobre o seu caso no Parlamento de Galicia despois de escoitar acusacións de “violencia de xénero” e esixencias de dimisión por parte dos grupos da oposición.
Baltar Blanco compareceu na comisión de economía para expor as liñas xerais dos orzamentos da institución provincial para o ano que vén.
Con todo, as intervencións dos portavoces de PSdeG, AGE e BNG centráronse, case exclusivamente, no reproche á “pésima imaxe” que o presidente da Deputación ourensá traslada ao organismo provincial tras ser denunciado por unha muller que asegura que el lle ofreceu un posto a cambio de sexo.
Con todo, a preguntas dos medios na mañá deste xoves en Ourense, o presidente da Deputación insistira en que a denuncia constitúe “un asunto exclusivamente persoal e non se vai a debater estando presente o Partido Popular” no ente provincial.
“Isto non é un asunto do presidente da Deputación de Ourense, senón de José Manuel Baltar”, reiterou o dirixente popular. Preguntado en relación a que a oposición provincial volverá a reformular a proposta de urxencia para abordar este caso no pleno, afirmou, tallante: “É un asunto xa tratado e resolto, punto”.











