Máis de 40.000 pezas de 44 anticuarios poderán verse na II Feira de Antigüidades de Ourense

Presentación da Feira de Antigüidades de Ourense
Corenta e catro anticuarios e máis de 40.000 pezas son as cifras que definen a II Feira de Antigüidades que se celebra en Expourense entre o 6 e o 8 de novembro. Trátase dun evento externo, organizado pola empresa NougrupFiral, especializada na organización de feiras de antigüidades por toda España e que volve a Ourense por segundo ano consecutivo. Esta exposición é apta para nostálxicos e propón un percorrido pola historia a través de postais, discos de vinilo, xoguetes, teléfonos, máquinas de escribir, mobles, xoias, porcelanas, obxectos vintage, apeiros de labranza, libros, etc.
Despois da boa acollida da primeira edición celebrada en 2014, a organización volveu a apostar por Expourense como o escaparate idóneo para que 44 anticuarios procedentes de toda a xeografía nacional e de Francia expoñan os seus artigos. “Trátase dun sector que apenas sale da comunidade na que vive e traballa, polo que estas feiras son unha gran oportunidade para eles de porse en contacto cos anticuarios de sitios como Valencia, Andalucía, Asturias, Castela e León, Madrid, a Rioxa e Francia”, sinala Ángel Moix, xerente de NouGrupFiral. A diferenza das feiras de antigüidades que se realizan na rúa, desde a organización destácase que “poderemos ver eses obxectos que nunca se mostran na rúa por temor a que se estraguen na intemperie”.
O prezo da entrada é de 3 euros e permite acceder os tres días ao recinto para dar tempo aos visitantes a “mergullar” entre os 40.000 produtos que ofrecerá o evento. Pode obterse medio euro de desconto imprimindo o vale da súa páxina de Facebook (www.facebook.com/nougrupfiral), nos anuncios publicados en prensa ou a través dos folletos que se repartirán por toda a cidade. O horario de feira é de 17 a 21 horas o venres 6 de novembro e de 10.30 a 21.00 h. o sábado e domingo.
Desde a organización resáltase que “haberá unha gran variedade de antigüidades, aínda que especialmente serán obxectos de pequeno tamaño e mobles. “A feira adáptase a todo tipo de público. Aos nenos pola curiosidade de ver xoguetes antigos e para os pais para mostrarlles aos seus fillos esas cousas de antes… Tamén para aqueles que busquen algún obxecto especial para decorar os seus fogares, xa que na actualidade a tendencia é mesturar unha peza antiga dentro dun ambiente moderno”, indican desde a organización.
Mención á parte merecen os obxectos “vintage”, que se converteron nunha moda e nun referente da decoración e o bo gusto. “Xa non se trata das antigüidades escuras de toda a vida, senón obxectos que se caracterizan pola súa cor e vida”: roupa, mobles e mesmo vellos Madelman, que hoxe son unha das pezas máis cobizadas por todo coleccionista. É por este motivo que se prevé a presenza de expositores decorados con sumo gusto por profesionais e que mostrarán como integrar estes obxectos no día a día do noso fogar”, explica Marycruz Madrid.
Pero ademais de punto de venda, a cita tamén pretende servir para que os visitantes fagan negocio con aquelas cousas antigas que teñen nas súas casas. Os interesados poderán coñecer o prezo estimado das antigüidades que teñen no seu fogar e facer negocio si así lles interesa. Nos últimos anos produciuse unha revalorización dos obxectos antigos, fenómeno que se acentuou coa crise económica, por iso, para moitas persoas este tipo de feiras é o lugar ideal para desfacerse daquilo que xa non queren e, ademais, sacar un beneficio.











