publicidade hoxe

Máis de 10.000 persoas buscaron asesoramento este verán na Oficina de Información Turística de Arzúa

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaArzúa
A-
A+

O servizo de información turística do Concello de Arzúa, que permaneceu aberto durante os meses deste verán,  rexistrou un total de 10.313 visitas de turistas e peregríns ao longo de todo este tempo, superando todas as marcas rexistradas nos anos anteriores.

Estas cifras poñen de manifesto o acerto do goberno municipal que preside o alcalde, José Luis García, en manter aberto un servizo que se fai imprescindible para seguir alentando un dos eixos fundamentais da nosa economía local, o turismo rural e o Camiño de Santiago.

O informe elaborado polas dúas técnicas de turismo que atenderon o servizo nestes últimos meses, que por primeira vez abriu tamén en horario de mañá e tarde os sábados e domingos, salienta algúns datos: das 10.313 persoas que visitaron a oficina, 3.950 persoas procedían de países estranxeiros e 6.363 foron visitantes procedentes das diversas autonomías do noso país.

Das máis de 10.000 persoas que se achegaron á oficina, 936 facíano dende Italia, 743 de Alemania, 625 de Francia e mesmo 337 de Estado Unidos. Tamén se rexistraron visitas de turistas e peregríns procedentes de Austria, Eslovaquia, Estonia, Eslovenia, Hungría, Xapón, Letonia, Lituania, México, Polonia, Portugal, Reino Unido e Corea. 

O maior número de visitas rexistrouse nos meses de xullo, agosto e setembro. A nivel de España recibíronse visitas de prácticamente a totalidade das comunidades autónomas, salientando Madrid con 987 visitas,  Andalucía con 951, Cataluña con 727 ou a Comunidade Valenciana con 530. Tamén a nosa comunidade aportou un importante número de turistas, un total de 385 galegos e galegas procuraron información durante este período do punto de información turística de Arzúa.

A maioría das persoas que procuraron asesoramento na oficina interesáronse por cuestións como a busca de aloxamento, lugares de interese que visitar en Arzúa e na comarca, horarios de transporte e tamén información xeral sobre o noso país ou datos concretos doutras rutas a Compostela.

O alcalde de Arzúa, José Luis García, responsable ademais da área de turismo municipal  amosaba esta mañá a súa satisfacción ao coñecer os datos que recolle o informe e que ao seu ver “reflicte o importante labor que presta este servizo, moi agradecido polos nosos veciños e imprescindible para que os turistas e peregríns que nos visitan reciban unha información correcta e apropiada de todas cantas posibilidades ofrece Arzúa”.

5 de novembro de 2015 | 18:39 • Sen comentarios

Comentarios pechados.