Lugo dispón de 3,5 millóns para actuacións de urbanismo sostible e un mellor aproveitamento forestal

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLugo
A-
A+

A Alcaldesa, Lara Méndez, informou este venres de que a Unión Europea vén de conceder ao Concello o programa Lugo+Biodinámico, financiado ao 50% con fondos do plan LIFE –o plan europeo de Medio Ambiente e Acción polo Clima-. Deste xeito, Lugo disporá de máis de 3,5 millóns de euros para desenvolver novidosas actuacións en favor dun urbanismo sostible e dun mellor aproveitamento da riqueza forestal, a nivel económico e ambiental, o que “mellorará a calidade de vida dos veciños, fará de Lugo unha cidade máis verde e abrirá novas oportunidades económicas aproveitando a madeira como elemento estrutural constructivo”, explicou Méndez.

A rexedora deu a coñecer a iniciativa acompañada de Daniel Piñeiro, Concelleiro de Desenvolvemento Sostible e Persoal, quen coordinará a execución das actuacións; Sonsoles López Izquierdo, Deputada provincial de Medio Ambiente; e Antonio Rigueiro, Catedrático da USC na Escola Politécnica de Lugo, representantes das institucións que “xogaron un papel fundamental para que Lugo conte hoxe cun proxecto LIFE”, sinalou Lara Méndez. Tamén participaron na presentación dous técnicos da empresa pública municipal Evislusa, Benigno Jáuregui e Susana Penedo, que forman parte do equipo promotor e redactor da candidatura. 

Un éxito da colaboración entre administracións

Lugo+Biodinámico “é un novo éxito da colaboración entre administracións. Demostra que as sinerxias axudan a captar investimentos que benefician directamente os veciños”, subliñou a Alcaldesa, quen asegurou que os datos avalan que “xuntos fixemos un gran traballo”. De feito, tal e como apuntou, das 1.200 propostas presentadas, só se aprobaron 26 en toda Europa. A de Lugo foi a única de toda España, xunto coa da Xunta de Andalucía. 

Orzamento

O proxecto conta un orzamento de 3.588.552 euros, dos que a Unión Europea achega a metade, 1,7 millóns, o Concello 541.340 euros e a Deputación 526.220 euros, mentres a contribución da USC, como da Politécnica de Madrid consiste na aportación de persoal, traballo e coñecemento, avaliados economicamente en 728.000 euros. 

Pulo á acción de goberno

Este “ambicioso proxecto medioambiental permitiranos dar un pulo moi imporante á nosa acción de goberno, pois encaixa á perfección na filosofía de traballo e xestión municipal que temos plantexada”, explicou a Alcaldesa. De feito, o novo Goberno decidiu crear a área municipal de Desenvolvemento Sostible porque “queremos un crecemento equilibrado e racional do noso concello, apostamos por un modelo de cidade verde e sostible”. “Cremos que o urbanismo é un instrumento, unha ciencia, viva e dinámica, ao servizo das persoas, para mellorar a súa calidade de vida e impulsar o crecemento económico. E iso é precisamente o que conseguirá Lugo+Biodinámico”.

Un modelo a estender

O proxecto, que comezará a executarse en xaneiro de 2016 e se desenvolverá ata mediados do 2020, pretende deseñar a escala en dúas zonas do norte de Lugo, entre os polígonos das Gándaras e o Ceao, un modelo urbanístico e medioambiental sostible, que serva de referencia e se poida estender a outros lugares da provincia e do resto de Galicia, e mesmo de España.

Ten dous piares. Por un lado, fomentar a utilización da madeira como material de construción para reducir a emisión de dióxido de carbono e mitigar deste xeito os efectos do cambio climático, e impulsar ao mesmo tempo o sector forestal, tanto a nivel dos productores, pois ábrense novas saídas para o produto e increméntase o seu valor engadido, como da industria da madeira. O outro piar consiste en impulsar unha planificación urbanística sostible.

As actuacións

As actuacións fundamentais incluídas no proxecto son as seguintes:

I. Accións demostrativas

– Crear unha parcela de selvicultura de frondosas, fundamentalmente de carballo, pradairo, cerdeira e freixo, para a produción de madeira de alta calidade.

– Acondicionar unha parcela de cultivos enerxéticos para producir biocombustibles de elevada eficiencia enerxética, que abastecerán de enerxía ao edificio bioclimático de madeira que tamén se proxecta neste proxecto.

– Crear un souto con variedades de castiñeiro tradicionais.

– Recuperar e poñer en valor un bosque de ribeira de 5 hectáreas.

– Construír un edificio piloto en madeira con consumo enerxético nulo.

II. Accións de urbanismo sostible

– Deseñar un catálogo de solucións de deseño urbano que contribúan a frear o cambio climático

– Implantar un plan estratéxico de infraestruturas ecolóxicas para aplicar no futuro desenvolvemento da cidade

– Planificar zonas de confort climático residencial.

20 de novembro de 2015 | 16:46 • Sen comentarios

Comentarios pechados.