Lugo consolídase como destino turístico de moda

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaLugo
A-
A+

Durante o pasado mes de outubro rexistráronse 3.174 visitas á Oficina de Turismo Municipal, unha cifra que supón un incremento dun 12% con respecto ao número de visitantes do outubro do pasado ano. En relación a outubro do 2013, o número de visitantes que se achegaron á Praza do Campo incrementouse nun 43%. Así o deu a coñecer este luns a Concelleira de Cultura, Turismo, Xuventude e Promoción da Lingua, Carmen Basadre, quen subliñou que “estes datos, máis que alentadores, corroboran a tendencia á alza do turismo en Lugo neste 2015”. O día no que máis visitantes se achegaron á Oficina Municipal de Turismo foi o sábado, 10 de outubro, con máis de 400 persoas, rexistrando este servizo municipal unha media diaria de 103 demandantes de información.

“Dende o Concello buscamos potenciar o turismo con novas iniciativas, pois apostamos polo actividade turística como motor de desenvolvemento económico da cidade luguesa e por fidelizar Lugo como destino turístico”, asegurou Basadre.

En canto aos viaxeiros que solicitaron información na oficina da Praza do Campo durante o San Froilán,  a cifra ascende a máis de 1.500, un 20% máis que no ano 2014 e un 55% máis que en 2013, asegurou Basadre, quen destacou que máis do 70% dos visitantes se achegaron á Praza do Campo para solicitar información na xornada de mañá.

Tal e como avanzou Carmen Basadre, Madrid e Castela e León son os lugares de orixe do 26% dos visitantes. Por comunidades, séguenlles os de Asturias e os de Cataluña. En canto aos visitantes foráneos, foron os alemáns os que máis interesados se mostraron en coñecer a cidade de Lugo en outubro, 85.

2.300 visitas á rede museística municipal

“Positivos son tamén os datos dos visitantes aos nosos museos, aos que cada vez se achegan máis turistas”, avanzou a Concelleira ao tempo que subliñou que os espazos expositivos do Concello recibiron máis de 2.300 visitas. A Domus do Mitreo continúa a ser o máis visitado, co 50% das visitas totais; seguido do Museo Interactivo da Historia de Lugo (MIHL). 

9 de novembro de 2015 | 16:20 • Sen comentarios

Comentarios pechados.