López-Chaves visita o novo Hospital Público Álvaro Cunqueiro que conta cuns 10.000 usuarios ao día

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaPontevedraVigo
A-
A+
López-Chaves na visita ao HAC

López-Chaves na visita ao HAC

O delegado territorial da Xunta en Vigo, Ignacio López-Chaves, acompañado polo xerente da EOXI de Vigo, Félix Rubial, visitou hoxe o Novo Hospital Público Álvaro Cunqueiro (HAC) dentro da rolda de visitas que as corporacións municipais están a realizar invitados pola Consellería de Sanidade.

López-Chaves agradeceu ao xerente que actuase de guía polo complexo hospitalario ademais de considerar “bo” levar a cabo este tipo de visitas coma así están a facer múltiples corporacións. Neste senso, lamentou que o alcalde de Vigo, Abel Caballero, denegue esta invitación. “Lamento que non veña a coñecer a maior infraestrutura hospitalaria que nunca tivemos na nosa cidade e que non coñeza a maior inversión pública sanitaria feita en Vigo”, sinalou.

Pola contra, dixo estar “orgulloso” de contar na cidade olívica cun hospital “coma este” cos seus profesionais e cos desaxustes xerados polo traslado pero que, coma considera, será “un hospital de referencia”. Proba disto son xa os preto de 10.000 usuarios e usuarias diarias cos que xa conta o novo centro o que, en verbas do delegado, “son persoas que chegan a este hospital diariamente e que, nun mes, son máis de 300.000”. “Lamento que o señor Caballero non teña interese en coñecelo”, insistiu, sentindo así que soamente actúe de “incendiario” no que se refire á infraestrutura sanitaria “máis importante que temos e tivemos na historia da nosa cidade e da área metropolitana”.

Na súa intervención ante os medios, o delegado fixo especial mención ás últimas declaracións feitas polo alcalde de Vigo con respecto ao aparcamento que ten que construír o goberno municipal explicando que a Xunta de Galicia enviou unha proposta ao Concello. “O que pedimos é unha reunión de técnicos para ver a solución máis adecuada”, dixo López-Chaves, matizando que o evidente é “garantir” o acceso viario á zona de urxencias sendo o acceso peonil unha decisión que deberán tomar os técnicos. Neste senso insistiu en que a Xunta “está aberta á solución que sexa máis adecuada”. Sen embargo, esperou que esta actitude de Abel Caballero non sexa “unha escusa para dilatar as súas obrigas” e que pasan pola construción do aparcamento nuns terreos municipais que foron cedidos pola Zona Franca. “Estamos vendo que cada vez que se quere facer unha inversión, o alcalde actúa poñendo dificultades e agora parece que está a buscar unha nova escusa para non facer ese investimento”, dixo. É por isto polo que rematou solicitando á colaboración do alcalde ademais de pedirlle que “faga o que ten que facer e sexa responsable” coa construción do aparcamento municipal.

Pola súa banda, o xerente da EOXI resaltou que a visita do delegado “súmase” a todas as que están a facer as novas corporacións municipais dos concellos da área ao HAC para que, coma dixo, “coñezan a súa realidade para transmitilo a toda a sociedade”. Neste senso, considerou que “en moi pouco tempo” xa están a pasar pola nova infraestrutura sanitaria “unha gran porcentaxe de poboación” o que supón que moitas persoas e usuarios xa coñecen “o seu funcionamento”.

19 de novembro de 2015 | 17:18 • Sen comentarios

Comentarios pechados.