López-Chaves visita o IES Audiovisual de Vigo no que se iniciou o ciclo superior de Iluminación e Imaxe con 22 alumnos

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaVigo
A-
A+
López-Chaves na visita ao IES Audiovisual de Vigo

López-Chaves na visita ao IES Audiovisual de Vigo

O delegado territorial da Xunta en Vigo,Ignacio López-Chaves, visitou esta mañá o IES Audiovisual de Vigo, ubicado en Bouzas, onde para este curso académico 2015/2016 implantouse o ciclo superior de Iluminación e Imaxe que, coma valorou o delegado, supón a culminación do traballo realizado coa creación do centro hai xa dez anos. O seu primeiro curso comezou cun total de 22 alumnos matriculados.

Xunto ao director do centro, Carlos Bacelo, e o xefe territorial da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, César Pérez Ares, o delegado da Xunta percorreu as instalacións do IES, que conta con máis de 4.500 metros cadrados a disposición dos 368 alumnos e alumnas que ten matriculados neste curso 2015/2016.

Na actualidade impártense os ciclos superiores de Son para Audiovisuais e Espectáculos, Realización de Proxectos Audiovisuais e Espectáculos e Produción de Audiovisuais e Espectáculos ademais do ciclo medio de Vídeo disc-jockey e Son, que se implantou por primeira vez no curso académico 2013/2014 cunha gran acollida.

O delegado da Xunta en Vigo resaltou así a formación educativa que os alumnos e alumnas reciben neste centro ademais da implicación e traballo do seu equipo directivo por formar profesionais de alto nivel, capaces de dar resposta aos retos do mercado laboral dun sector audiovisual en continua renovación.

A plantilla do IES está formada por un total de 27 profesores e 5 membros de persoal non docente buscando así, o equipo directivo, garantir a calidade da formación mediante un proxecto educativo avalado pola Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria e coa homologación na Unión Europea e a nivel internacional. Ademais, manteñen as portas abertas á empresas e institucións do sector audiovisual a través das prácticas formativas para o seu alumnado.

O novo ciclo formativo

Coma explicou López-Chaves, o novo ciclo superior de Iluminación e Imaxe vai permitir que o alumnado traballe do mesmo xeito que o fará posteriormente na súa vida laboral, xa que facilita a especialización dos traballos. Deste xeito, o alumnado poderá acadar un produto audiovisual completo facendo o que realmente acontece no sector audiovisual comezando pola produción (ciclo superior de Produción) seguindo coa sonorización e captación de son (ciclo superior de Son), continuando coa iluminación e captación da imaxe (ciclo superior de Iluminación e imaxe) e rematando coa montaxe final do produto (ciclo superior de Realización).

As tres principais saídas deste novo ciclo pasan por operador de cámara, iluminador e fotógrafo. Consta de dous anos, nos que os alumnos cursan os módulos de Planificación de cámara en audiovisuais, Toma de imaxe audiovisual, Luminotecnia, Control da iluminación, Toma fotográfica, Tratamento fotográfico dixital, Procesos finais fotográficos, Gravación e edición de reportaxes audiovisuais, Proxectos fotográficos e Proxectos de iluminación, ademais dos módulos transversais de Formación e orientación laboral e Empresa e iniciativa emprendedora.

5 de novembro de 2015 | 16:55 • Sen comentarios

Comentarios pechados.