López-Chaves reúnese coa delegada do estado no Consorcio da Zona Franca de Vigo

López-Chaves na reunión con Teresa Pedrosa
O delegado territorial da Xunta en Vigo, Ignacio López-Chaves, mantivo esta mañá unha primeira reunión institucional coa delegada do Estado no Consorcio da Zona Franca de Vigo, Teresa Pedrosa, co obxecto de facer un repaso de todos os temas nos que colaboran ambas administracións.
López-Chaves agradeceu expresamente á delegada do Estado o encontro tras solicitar a reunión de xeito institucional polo seu novo cargo coma delegado territorial da Xunta en Vigo. Neste senso, lembrou que o 21 de outubro fixo o propio co alcalde da cidade, Abel Caballero, facendo especial fincapé na súa intención de manter o primeiro encontro institucional coa Administración local, pero non tivo contestación ao respecto. “Sigo sen ter contestación e estou á espera para despachar coma co resto das institucións da cidade”, sinalou o delegado valorando a importancia que ten a colaboración e a cooperación entre administracións para que os proxectos saían adiante. “Quero ter contacto coas institucións clave da nosa cidade, co Concello sen ter contestación e agora coa Zona Franca para continuar con estes convenios e traballos conxuntos”, enfatizou.
No transcurso do encontro, Xunta de Galicia e Zona Franca fixeron un repaso polos proxectos e convenios conxuntos e vinculados, sobre todo, á innovación, o emprendemento e á formación profesional. Coma explicou Teresa Pedrosa, e mencionando os grandes proxectos coma a Plisan ou a subestación para a EDAR do Lagares, nestes momentos existen convenios de colaboración coa Consellería de Economía, Emprego e Industria a través do IGAPE, a Axencia Galega de Innovación (GAIN) ou Xesgalicia, entre outros. “Levamos anos traballando conxuntamente e isto supón unha mellora dos nosos programas”, dixo a delegada da Zona Franca poñendo coma exemplo o proxecto ViaVigo. Ademais, tamén existe colaboración coa Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria para a mellora da formación profesional ou a través do programa “Eduemprende”.











