López-Chaves mantén un encontro institucional co presidente da Autoridade Portuaria de Vigo

Encontro de López-Chaves co presidente da Autoridade Portuaria de Vigo
O delegado territorial da Xunta en Vigo, Ignacio López-Chaves, mantivo esta mañá un primeiro encontro institucional co novo presidente da Autoridade Portuaria de Vigo, Enrique López Veiga.
Dentro da rolda de contactos que o novo delegado da Xunta en Vigo está a ter coas principais institucións da cidade, López-Chaves trasladouse hoxe ata as oficinas centrais do Porto de Vigo para manter unha primeira reunión institucional co seu recen nomeado novo presidente co obxecto de facer un repaso de todos os temas nos que colaboran ambas administracións.
López-Chaves agradeceu expresamente a López Veiga o encontro tras solicitar a reunión de xeito institucional polo seu novo cargo coma delegado territorial da Xunta en Vigo e, neste senso, lembrou que aínda está a espera de contestación da solicitude feita ao alcalde de Vigo, Abel Caballero, o pasado 21 de outubro. “Xa me reunín coa delegada do Estado para a Zona Franca, co xuíz decano, agora co presidente do Porto e o único que falta é o alcalde de Vigo, que sigo sen ter contestación e estou á espera para despachar coma co resto”, sinalou o delegado valorando a importancia que ten a colaboración e a cooperación entre administracións para que os proxectos saían adiante. No transcurso do encontro celebrado hoxe, Xunta de Galicia e Autoridade Portuaria fixeron un repaso polos proxectos comúns.











