López-Chaves lembra ao Concello de Vigo que as competencias sobre o abastecemento de auga son municipais
O delegado territorial da Xunta en Vigo, Ignacio López-Chaves, lembrou hoxe ao Concello de Vigo que as competencias e melloras sobre o abastecemento da auga son exclusivamente municipais.
En declaracións aos medios, dixo que o alcalde Abel Caballero é a persoa “menos indicada” para falar do abastecemento da auga na nosa cidade porque cobra aos cidadáns un dos recibos de auga mais caros de Galicia e lles factura un consumo mínimo de 30 m3 ao bimestre, gasten a auga ou non, fomentando por tanto o derroche do recurso. “Todos os vigueses sabemos que pagamos por un auga que non consumimos polo acordo ao que chegou Caballero de prorrogar unha concesión que debeu sacar a concurso”, valorou o delegado.
Así, incidiu en que o abastecemento da auga é unha competencia exclusivamente municipal explicando que a empresa concesionaria “entregou unha cantidade importante de diñeiro ao Concello para facer melloras no abastecemento”, entre elas, matizou, obras na ETAP do Casal. “Dende hai bastantes anos ten un informe onde lle requirían facer obras importantes de mellora na estación de tratamento do Casal”, preguntándose neste senso “en qué gastou o diñeiro que lle entregou a concesionaria porque non fixo esas melloras necesarias para o tratamento da auga e para abastecer aos vigueses”.
En definitiva, López-Chaves pediu explicacións ao Concello xa que, por un lado, os vigueses e viguesas pagan por un auga que non se consume e, por outra banda, para coñecer “en qué se gastou o diñeiro aportado pola concesionaria cando non temos ese investimento no elemento esencial que é a mellora do abastecemento para os fogares de Vigo”, rematou.











