López-Chaves considera que Caballero non ten interese en poñer en marcha a área metropolitana en Vigo

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaVigo
A-
A+

O delegado territorial da Xunta en Vigo, Ignacio López-Chaves, considerou hoxe en declaracións aos medios que o alcalde da cidade, Abel Caballero, “non ten interese” en poñer en marcha a Área Metropolitana.

Logo das últimas declaracións feitas polo rexedor vigués, López-Chaves valorou que “pouco interese ten en axilizala cando antes de ser convocado a unha reunión xa di que non se vai a reunir”, sinalou. “Se tivese interese diría que se quere reunir coa Xunta para determinar qué se pode modificar e mellorar da Lei”, continuou.

Pola súa banda, o delegado explicou que a Xunta de Galicia si ten interese en poñer en marcha a Área Metropolitana de Vigo e por iso estanse a levar a cabo as xuntanzas cos concellos e as Corporacións locais que forman parte da área. A día de hoxe, restan por manter eses encontros cos concellos de Moaña, Cangas, Redondela e Vigo, sendo este o último pero o que está chamado a liderar a Área Metropolitana.

Neste senso, avanzou que a Xunta, a través da Dirección Xeral de Administración Local, contactará co Concello de Vigo para convocalo a unha xuntanza de traballo recordándolle ao alcalde de Vigo que o vindeiro 24 de novembro remata a rolda de contactos con 13 dos 14 concellos que a van a integrar inicialmente. Deste xeito, ponse a disposición do goberno local vigués para establecer unha data. “Se envía a solicitude da reunión ao alcalde, a documentación e se pide que convoque a todos os grupos municipais”, explicou López-Chaves esperando que así o faga porque a intención da Xunta é “coñecer a opinión e pulso de todas as Corporacións” para conseguir un consenso.

O obxectivo é trasladarlles aos distintos grupos políticos que configuran o pleno as diferentes propostas de modificación da Lei da Área Metropolitana que, ademáis, son as remitidas polo goberno municipal de Vigo a raíz da xuntanza que tivo o alcalde da cidade co Presidente da Xunta de Galicia o pasado 6 de xullo.

A Xunta ponse así a disposición para fixar a data que o alcalde considere máis oportuna para abordar a recta final do proceso, baixo o mesmo formato que tódalas reunións anteriores e co obxectivo final de consensuar o texto que permita que, no ano 2016, Vigo teña a súa Área Metropolitana.

12 de novembro de 2015 | 19:10 • Sen comentarios

Comentarios pechados.