López Abella apela á loita conxunta e desde todos os ámbitos para vencer a violencia de xénero

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaAmes
A-
A+
Susana López Abella na inauguración das xornadas

Susana López Abella na inauguración das xornadas

A secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella, participou na inauguración das V Xornadas de Igualdade e Prevención da Violencia de Xénero, Acércate 2015, que entre hoxe e mañá se celebrarán no Concello de Ames.

López Abella apelou á loita conxunta e desde todos os ámbitos para poder vencer a lacra da violencia de xénero, á que cualificou como “un asunto de Estado”. Neste sentido, explicou que desde a Xunta pretendese por en valor o papel relevante dos concellos na difusión da igualdade e na coordinación das distintas administracións para unha maior eficacia.

“Consideramos que os concellos son os axentes idóneos para desenvolver iniciativas tendentes a garantir a igualdade entre mulleres e homes e sensibilizar e traballar na prevención da violencia de xénero, por ser as administracións máis próximas á cidadanía e máis coñecedoras da situación específica dos seus veciño/as”, remarcou a secretaria xeral.

O compromiso da Administración é articular unha resposta global e coordinada á violencia de xénero en calquera das súas modalidades e consecuencias a través dunha asistencia integral ás mulleres vítimas e ás persoas aos seu cargo; así como fortalecer a prevención.

Por iso, aínda que recoñeceu que non é doado dar o paso e denunciar, animou a facelo, xa que as administracións contan con axudas, servizos e recursos para todas aquelas mulleres “que queiran romper o seu silencio e saír da morte en vida na que viven cando son vítimas da violencia machista”. Hai saída, asegurou, e un 77 por cento das mulleres o conseguen.

Entre os principais recursos dos que dispoñen ás mulleres, destacan as axudas económicas que a Xunta lles achega para facilitar a súa independencia económica do agresor e rachar coa situación de violencia que viven. Estas axudas, que se acaban de ampliar onte mesmo, teñen beneficiado a máis de 3.000 mulleres desde o ano 2006.

Así mesmo, tamén existe un programa de apoio psicolóxico, no que colaboran profesionais do Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia, e unha rede de acollemento con cinco casas de acollida situadas nas cidades da Coruña, Ferrol, Lugo, Ourense e Culleredo; e un Centro de Emerxencias en Vigo.

Ademais, o ano pasado botou a andar o Centro de Recuperación Integral para mulleres vítimas de violencia de xénero, o CRI, que desenvolve un modelo de atención integral baseado nun sistema coordinado de servizos, recursos e medidas de carácter social, laboral e económico. Desde que abriu as súas portas, en xuño de 2014, o centro atendeu xa a 80 persoas, entre mulleres, menores e persoas dependentes ao seu cargo.

As xornadas están divididas en tres bloques: “Traballando pola Igualdade”, “A Igualdade na Práctica” e “Educación e Prevención” e conta cun extenso e completo programa e relatores de destacada traxectoria.

Entre outros aspectos abordaranse as novas formas de violencia, a mellora da comunicación na familia ou estratexias para unha convivencia positiva. Ademais, haberá distintos obradoiros sobre risoterapia, mellora da comunicación en parella e na familia ou autocoñecemento, autoestima e respecto.

19 de novembro de 2015 | 16:55 • Sen comentarios

Comentarios pechados.