Lete Lasa asiste á conferencia “Como gañar a carreira dos teus soños”

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLugo
A-
A+
Lete Lasa na conferencia

Lete Lasa na conferencia

O secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete Lasa, asistiu hoxe á conferencia “Como gañar a carreira dos teus soños”, participando do seu acto de presentación ao que asistiron tamén José María Sampietro, presidente de MGS Seguros, e Araceli Ruiz, patroa da Fundación MGS.

Contando coa asistencia de mais de 400 estudantes lucenses, a conferencia foi impartida polo piloto de rallies, e bicampión de España, Isidre Esteve e o profesor universitario Joan Elías. A través das súas vivencias, Esteve describiu aos asistentes os seus inicios no mundo del motor, o grave accidente que o apartou das carreiras e os éxitos acadados posteriormente grazas ao seu espírito de superación. Pola súa banda, Elías formulou aos estudantes unha reflexión sobre os retos que lles depara o futuro, e a necesidade de adaptarse a un contorno que cambia con rapidez.

No curso da presentación da charla, o secretario xeral para o Deporte destacou o valor da práctica deportiva no proceso de crecemento persoal. “O deporte obríganos a esforzarnos ao máximo para sacar o mellor de nós; empúxanos a unha sa competitividade na que, respectando ao adversario e as regras do xogo, superámonos, aprendemos dos nosos erros e buscamos solucións para mellorar”, apuntou Lete Lasa, quen quixo agradecer a presenza de Isidre Esteve e de Joan Elías, así como o labor da Fundación MGS, impulsora da charla.

A celebración en Lugo da conferencia, que contou coa colaboración da Xunta de Galicia, enmárcase no ciclo de charlas motivacionais que a Fundación MGS vén celebrando por toda España, e que procuran promover a capacidade de superación e os valores solidarios entre a xuventude.

Recepción aos tiradores de Lugo

A axenda do secretario xeral completouse cunha recepción aos integrantes lucenses da selección galega de tiro que, no último Campionato de España de promesas celebrado en Logroño, acadaron para Galicia uns excelentes resultados con 16 medallas e 8 diplomas.

12 de novembro de 2015 | 13:51 • Sen comentarios

Comentarios pechados.