Lalín inicia as actuacións para a rexeneración do paseo do Pontiñas

Inicio da brigada
Lalín conta cun abundante patrimonio natural. Lugares como a serra do Candán, as fragas de Catasós ou o río Deza son parte da nosa riqueza ambiental, pero tamén conforman a nosa paisaxe afectiva e simbólica. É neste eido -no dos afectos e os símbolos- no que adquire especial importancia o paseo do río Pontiñas, talvez a obra máis importante da nosa historia recente e o espazo onde se percibe de forma máis directa a relación de Lalín coa natureza.
Esta semana o Concello inicia as actuacións para a rexeneración do paseo do Pontiñas. Queremos recuperar este espazo para o desfrute de todos os lalinenses despois de anos de incomprensible deterioro; queremos tamén que volva ser unha referencia para os nosos visitantes. Pero neste obxectivo necesitamos a colaboración activa de todas e todos.
Por iso apelamos á responsabilidade colectiva para coidalo e para garantir que siga a ser ese lugar do que sentírmonos orgullosos. E apelamos tamén á responsabilidade individual para evitar actos vandálicos como os que nos últimos anos nos privaron de telo nas mellores condicións.
Depende de nós que o Pontiñas recupere o seu esplendor. Porque en Lalín a cultura é = vida.











