Juan Carlos González Santín: “Supoño que nin os malos son tan malos, nin os bos son tan bos”

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLugo
A-
A+
Europa Press

O exsecretario provincial do PSOE en Lugo Juan Carlos González Santín demandou este venres que o expediente aberto ao alcalde de Becerreá, Manuel Martínez, que está actualmente expulsado do partido de forma preventiva, se faga “con todas as garantías legais” e que sexa “claro e transparente”. En canto aos feitos que se lle achacan, engadiu que “nunca se coñece ao 100%” o acontecido e, por iso, sinalou que se debe “escoitar a todas as partes”.

“Como todo na vida, supoño que nin os malos son tan malos nin os bos son tan bos”, reflexionou o tamén deputado autonómico, ao ser preguntado nunha rolda de prensa no Parlamento sobre a crise aberta no seu partido na provincia de Lugo. Con todo, declinou pronunciarse sobre o contido do expediente alegando que sería “unha temeridade” falar de algo que descoñece.

Así as cousas, incidiu en que só espera que o documento teña “tódalas garantías legais” para que Martínez poida “defenderse como corresponde, tanto a nivel orgánico coma polos medios que considere oportuno”. Cuestionado acerca de se alberga dúbidas de que o proceso non cumpra con eses requisitos, deu por feito que a dirección federal do seu partido realizará un procedemento “axustado a dereito”.

Neste escenario, sobre os apoios que está a recibir o rexedor de Becerreá dalgúns alcaldes da provincia, Santín recordou que “unha das premisas” do PSOE é “a liberdade de expresión”. Polo tanto, sempre se faga “con respecto e educación”, como ao seu xuízo está a acontecer, defendeu que “non hai nada que obxectar”. De igual modo, xulgou que “non hai problema” en atender a petición do primeiro edil de Castroverde de reunir o partido na provincia para analizar a situación.

“PÓDENSE FACER MELLOR AS COUSAS”

Dito isto, a preguntas dos xornalistas sobre se o seu xefe de filas, José Ramón Gómez Besteiro, podería actuar doutro modo nesta crise, rexeitou falar de “hipótese”.

“Non sei que pasaría se se fixesen as cousas doutro xeito; dende logo o que vexo na provincia, o ruído que se está a producir, non me gusta, me preocupa e espero que chegue ao seu fin”, resaltou, e apelou a traballar “todos xuntos” para “gañar” as eleccións do próximo 20 de decembro.

Acerca de se comparte a opinión do eurodeputado socialista José Blanco de que toca abrir “un tempo novo” no PSdeG, Santín apelou a “facer mellor as cousas” para obter a “confianza” dos cidadáns na seguinte cita coas urnas.

20 de novembro de 2015 | 16:14 • Sen comentarios

Comentarios pechados.