José Manuel Sande destaca o éxito da Semana da Ciencia co incremento de 1.500 visitantes aos Museos Científicos Coruñeses respecto ao ano anterior

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA Coruña
A-
A+

O concelleiro de Culturas, Deporte e Coñecemento, José Manuel Sande, salientou o “éxito notable de participación da cidadanía” ante o aumento do número de visitantes aos Museos Científicos Coruñeses durante a celebración da Semana da Ciencia 2015.

37.964 persoas achegáronse ás instalacións de divulgación científica municipais, o que supón un incremento dun 4,2% de visitantes respecto ao ano anterior. Segundo destacou o edil, “a aparición de novas actividades e reforzo na programación deste ano”, e a recén inaugurada Sala Maker da Domus, favoreceron este incremento de visitas. “A constante actualización dos contidos por parte dos Museos Científicos, como é a creación do novo espazo Maker”, sinalou Sande, así como “a implicación do seu persoal” no desenvolvemento de “novas liñas de traballo e proxectos de presente e futuro”, resultaron “fundamentais” para provocar maior interese por parte da veciñanza na presente edición da Semana da Ciencia.

O museo científico máis visitado, o Aquarium Finisterrae, recibiu nunha soa semana 21.477 persoas, máis público que en calquera mes da primeira metade do ano 2015. En agosto, o mes con máis visitas, a Casa dos Peixes recibiu a 39.863 persoas. O rexistro na Domus tamén aumentou durante a celebración da Semana da Ciencia 2015, ata alcanzar as 9.157 visitas, ao igual que a asistencia a Feira OSHWDem, que contou con 1.598 participantes, 400 máis que na edición de 2014. Pola súa banda o museo máis antigo da tríade e que este ano celebra o seu 30 aniversario, a Casa das Ciencias, rexistrou unha leve caída e recibiu 7330 visitantes. En total, polos tornos dos museos científicos pasaron 1.543 personas máis que na edición de 2014.

17 de novembro de 2015 | 19:37 • Sen comentarios

Comentarios pechados.