publicidade hoxe

Infraestruturas mellorará o firme da PO-213 que comunica A Estrada con Ponte Ulla

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA EstradaPontevedra
A-
A+

A Consellería de Infraestruturas e Vivenda, a través da Axencia Galega de Infraestruturas (AXI), mellorará nestes días o firme da estrada PO-213 que comunica as localidades da Estrada con Ponte Ulla. Nestas tarefas investiranse 127.000 € co fin de levar a cabo as accións necesarias para a mellorar as características superficiais en varios treitos, que suman case oito quilómetros de lonxitude.

Os traballos iniciaranse en canto as condicións climatolóxicas sexan propicias para a extensión do tratamento previsto, que require que a estrada estea seca. Poderán dar comezo nesta mesma fin de semana, no caso de que non chova e a temperatura sexa a axeitada

A actuación levarase a cabo entre os puntos quilométricos 0+900, na saída do núcleo da Estrada, e o 12+500 na zona de Ribadulla, no Concello da Estrada. Na actualidade, este tramo conta cun pavimento asfáltico que, pola acción do tráfico e dos axentes atmosféricos, foi perdendo a calidade de servizo esixida e presenta deformacións superficiais e irregularidades.

Traballos previstos

Os traballos previstos consistirán na extensión dun microaglomerado nos treitos que o precisen, que suman unha lonxitude próxima aos 8 quilómetros e unha superficie total no entorno dos 50.700 m2. Estas tarefas permitirán aumentar a adherencia da capa de rodadura, mellorando así as características superficiais do firme e prolongando a vida útil desta infraestrutura.

Con estas actuacións, que se realizan mediante o contrato de conservación integral, o Goberno autonómico mellorará o estado do firme, para garantir unha circulación cómoda e segura dos usuarios.

6 de novembro de 2015 | 13:20 • Sen comentarios

Comentarios pechados.