Igualdade levará unha moción a Pleno na que insta a impulsar ferramentas en contra do racismo
A concelleira de Igualdade e Diversidade, Rocío Fraga, presentou esta mañá unha moción que levará ao próximo Pleno do Concello, a proposta do Foro Galego da Inmigración, e que busca que A Coruña sexa unha cidade libre de CIE´s (Centros de Internamento de Estranxeiro) e Deportacións. “Esta moción responde a vontade de xerar mecanismos e ferramentas municipais de cumprimento do principio de igualdade e de non discriminación entre todas as persoas que viven na cidade. Os concellos son as administracións con máis potencial para garantir estes principios”, indicou. Con esta moción, o grupo de Goberno busca facer público o compromiso do Concello de “traballar contra o racismo e a prol da igualdade de dereitos e oportunidades para todos e todas”.
Fraga explicou, en rolda de prensa, que esta moción recolle o “compromiso de emprender medidas municipais en base á legalidade e competencias existentes, co obxectivo de garantir que ningunha persoa será identificada e detida por cuestións raciais e privada de liberdade polo feito de atoparse en situación administrativa irregular”. A concelleira manifestou que, do mesmo xeito, a moción reflexa no seu texto a intención de “instar á Xunta a que pida ao Goberno central que inicie un proceso que leve ao peche dos Centros de Internamento Estranxeiros e que paralice as denominadas deportacións exprés”. Tamén se lle solicitará á administración autonómica que pida ao Ministerio de Interior a derrogación do Protocolo de Deportación da Policía Nacional de 2007, que permite entre outras medidas a sedación forzosa ou atar con correas ás persoas que van ser deportadas. “Tamén se pretende pedirlle á Xunta que traballe para que non se realicen deportacións en voos colectivos, nos que se constatou un gran número de situacións de vulnerabilidade de dereitos”, apunta a responsable de Igualdade e Diversidade.
“O Foro Galego de Inmigración trasladou esta proposta a todos os grupos do Consistorio e nos decidimos levala ao Pleno”, explicou Fraga. “Os concellos somos as institucións que, por proximidade, temos a obriga de garantir os dereitos e as liberdades de todos os cidadáns e cidadás que habitan no noso municipio. Entre elas tamén están as persoas estranxeiras, teñan ou non situación regularizada, xa que son os nosos e as nosas veciñas. A propia Constitución tamén lles garante estes dereitos”, indicou.
Pola súa banda, Rubén Sánchez, membro do Foro Galego da Inmigración, agradeceu ao grupo de Goberno “a colaboración nesta iniciativa, que xa presentamos en máis cidades de Galicia e do Estado nas que estamos presentes”. “Estas mocións entendemos que serven para axudar a visibilizar o que lle ocorre ás persoas migrantes e para mobilizar tanto aos concellos, como á veciñanza, na defensa dos seus dereitos”.











